Fer Castro: “As camisetas de ‘Pasapalabra’ en galego querían equilibrar as forzas do universo”

Tras 84 programas e 42.000 euros brutos, está satisfeito a nivel cuantitativo e cualitativo porque “aínda que é entretemento, permean situacións como os dereitos da xuventude”

Fer Castro, exconcursante do espazo ‘Pasapalabra’ en A3 e investigador e doutorando na Facultade de Matemáticas da USC

Fer Castro, exconcursante do espazo ‘Pasapalabra’ en A3 e investigador e doutorando na Facultade de Matemáticas da USC / Antonio Hernández

Tras 84 programas nos que foi debullando a imaxe dun xoven divertido, comprometido e reivindicativo, Fer Castro puxo fin a semana pasada ao seu paso polo coñecido concurso de televisión Pasapalabra, no que gañou 42.000 euros brutos, “que quedarán nuns 30.000 segundo atopei nunha noticia en internet que, a verdade, sorprendeume porque é algo absolutamente inútil para todo o mundo agás para min, pero agradezo que fixeran as contas para saber canto teño que tributar”.

Un paso polo veterán programa sobre o que, nunha conversa con este xornal, fai un balance positivo “en termos cuantitativos porque a experiencia durou moito máis do que calquera esperaría para alguén que nunca antes estivera en Pasapalabra, e creo que fun a persoa que máis tempo estivo sen ter participado antes noutro concurso”. E tamén en termos cualitativos porque “lévome o cariño de moita xente e o feito de formar parte dun formato que é importante para moitas persoas ás que acompaña en situacións mellores e peores”, e aínda que “un é consciente de que non vai alí a falar do seu libro, a verdade é que ás veces permean pequenas cousas sobre a situación da xuventude en canto a dereitos sociais e económicos, en particular das persoas científicas e investigadoras, e tantos outros colectivos aos que un pertence ou intenta representar”.

Entre as súas reivindicacións a través desta fantástica plataforma mediática, a defensa da lingua galega, que fixo visible con numerosas e divertidas camisetas. “Son cousas que eu xa tiña e que utilizaba, pero é verdade que comprei algunha adicional sobre o galego por unha cuestión filosófica de que, xa que estamos promocionando tanto o castelán e non lle fai falta, pois polo menos equilibrar un pouco así as forzas do universo”.

Insiste en que “é roupa que levaría de todos os xeitos, tamén para darlle esa veracidade á televisión que non ten normalmente, e eu quixen ser igual dentro que fora”.

Seguidor de Pasapalabra “desde que empecei a velo cando cancelaron na TVG Cifras e letras”, o proceso que o levou a convertirse en concursante comezou no 2019, cando aínda emitíase en Telecinco; seguiu cun casting en Santiago o día antes de que se declarase o estado de alarma pola pandemia; continuou cun contacto para incorporarse cando estaba en Alemaña e non podía e finalmente materializouse este ano.

Sen apenas redes, xa que “só teño Twitter, fixen un esforzo activo moi grande por non mirar nada do que se dicía e pedín que non me contaran nada porque creo que non beneficia á naturalidade e aos efectos psicolóxicos de ansiedade e preocupación polo que dirán, e tampouco nin que che digan moitas veces o guapo que eres nin o contrario”.

Fer Castro diante da Facultade de Mateméticas da USC

Fer Castro diante da Facultade de Mateméticas da USC / Antonio Hernández

Engade que no seu entorno máis cercano “había xente que non o estaba pasando moi ben e supuxo unha distracción positiva, ao igual que para outras persoas ás que non coñezo; é un pouco o sentido que lle vexo a un formato de entretemento como este, que distrae de cousas peores e axuda a combater esa outra pandemia que temos hoxe en día, e que é a da soedade”.

Sobre como leva a popularidade, sinala que “o 99% da xente é moi correcta, o outro día paroume unha señora para dicirme que está soa na casa e que o Pasapalabra dalle a vida”, pero recoñece que cando nun día se lle acercan trinta persoas, “pois ás veces é máis difícil e ademais en ocasións te pillan sen tempo”.

Destaca a calidade humana do persoal do concurso, sobre todo “da xente de máis baixo rango coa que estabamos en contacto”, e di que llesorprendeu que “o plató era máis pequeno do que pensaba e, en cambio, a mesa era moito maior”.

Por agora non se plantexa outro concurso, coa excepción de Cifras e letras, se se retoma.

“O sistema español de ciencia está tan mal que vou usar ese diñeiro como axuda para facer o postdoc en Alemaña”

Matemático que escribe o seu número de teléfono en letras, cun mestrado en Estatística e outro en Xenética, doutorando en Estatística e Xenética na Facultade de Matemáticas da USC e vinculado ao grupo de Xenética Psiquiátrica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Fer Castro está preparando a súa tese doutoral sobre “propiedades matemáticas de certas técnicas estatísticas para detectar interaccións entre variables”. Un campo no que, asegura, “como eu tamén son xenetista, interesa a xenética de doenzas complexas, e aquí estamos estudando principalmente a xenética psiquiátrica”.Espera rematar o doutorado na próxima primavera, “aínda que depende das expectativas que un teña en canto á calidade da tese, dos seus contidos, e tamén do que haxa que apurar”, e sinala que aínda que el recibe unha retribución económica da USC a través do Ministerio de Universidades, denuncia que “a inmensa maioría da xente que está facendo un doutoramento e que sostén o sistema universitario científico de España, está sen cobrar, e os que o fan parece que teñen que dar as grazas por cobrar pouquísimo a cambio de facer un traballo que é moi importante para o sistema”.Reivindica que non haxa xente sen cobrar, que haxa uns salarios dignos e que se poña fin a outro dos problemas, “porque non existe unha ruta clara a unha estabilidade ou non precariedade no ámbito investigador”.E é que “o sistema asume que un está disposto a dar moitos saltos no baleiro, a túa investigación depende dunhas convocatorias que teñen unha periodicidade anual pero que moitas veces non é así e hai xente que perde sete meses de cobrar”.Coa vista posta no sector público por convicción, cando remate o doutorado viaxará a Alemaña para continuar coa súa carreira científica e, aínda que non descarta volver, recoñece que “unha vez que tes un salario digno e evitas un mar de burocracia contraproducente, pois é máis difícil”. Moi crítico, insiste en que “a máquina de facer ciencia en España está rota”, e considera que só podería arranxarse con cartos metidos onde hai que metelos, e de maneira coherente porque non pode ser que as persoas máis novas, as que teñen a maior inestabilidade, sexan as que están sostendo o sistema recibindo a cambio estímulos constantes para desistir da carreira investigadora”. Sobre a súa experiencia en Pasapalabra, admite que ao final estaba moi canso ao ter que compaxinar os viaxes coas gravacións e o seu traballo, e foi no programa tras a volta dun descanso no que quedou eliminado.