A CIG-Saúde denuncia que o helicóptero con base en Santiago estará inoperativo catro días

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061sinala que "está garantida" a cobertura de urxencias e emerxencias por unha ambulancia de soporte vital avanzado medicalizada

Helicóptero del 061 en el helipuerto del Hospital Clínico

Helicóptero del 061 en el helipuerto del Hospital Clínico / Antonio Hernández

A CIG-Saúde vén de denunciar que o helicóptero medicalizado con base en Santiago H3 está inoperante dende este luns 15 de abril, ás 13:00 horas, e que non se agarda que volva estar operativo ata este venres 19 de abril. Aínda que os pregos do servizo establecen que a empresa adxudicataria debe dispor dun aparello de substitución, Eliance Helicopter Global Services, S.L., non vai cumprir está cláusula dos pregos.

A CIG-Saúde sinala, ademais, que está inoperatividade non está causada por un imprevisto concreto senón que se trata dunha intervención programada para a instalación dunha caixa de comunicación que se fixa como obrigatoria.

Esta situación dáse no marco temporal de cambio de contrato do servizo de transporte sanitario urxente aéreo da FPUSG-061, Foi formalizado o pasado 18 de marzo, despois de que a primeira licitación quedara deserta e se volvera a licitar o mesmo servizo por tres millóns mais de euros. 

O aparello chegou á base de Santiago no mes de febreiro coa intención de quedar xa para prestar servizo co novo contrato, pero estivo inoperante debido a que non había espazo suficiente no asento do persoal médico. O aparello presentaba outras deficiencias que quedaron pendentes de arranxar, como a instalación de unha caixa de comunicacións.

Revisións do helicóptero para "reforzar a seguridade"

Dende a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 sinalan a EL CORREO GALLEGO que o helicóptero trasladouse a outras instalacións para afrontarse a unhas revisións co fin de “reforzar a seguridade dos pacientes, dos profesionais e da tripulación durante os traslados sanitarios das urxencias e as emerxencias extrahospitalarias”. Durante o tempo necesario para as adaptacións da aeronave, aseguran que a cobertura ás urxencias e ás emerxencias “está garantida por una ambulancia de soporte vital avanzado (SVA), medicalizada polo equipo sanitario do 061 da quenda correspondente ao helicóptero”.