A USC aspira a ingresar este ano 180.000 euros ante o aumento do número de solicitudes de patentes

Cos recursos financeiros e humanos da institución o incremento foi dun 25% no último ano, chegando a presentar 11 en España

Un momento do seminario IP Perspectives Galicia sobre patentes celebrado este venres no Cimus

Un momento do seminario IP Perspectives Galicia sobre patentes celebrado este venres no Cimus / Cedida

A Universidade de Santiago incrementou no ano 2023 o número de solicitudes de patentes presentadas ante a Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM), chegando ás 11, e as solicitudes presentadas ou estendidas a terceiros países (36). Ademais, o número de comunicacións de invención ascendeu ata as 73. A tradición na protección do coñecemento na institución compostelá remóntase ao ano 1988, e na actualidade a carteira activa sitúase arredor das 300 patentes.

Estes datos déronse a coñecer este venres no arranque do seminario IP Perspectives Galicia que organiza a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) en colaboración coa firma especializada en propiedade industrial ABG Intellectual Property. Na cita, celebrada no Cimus, estivo presente o delegado do Reitor para Transferencia de Coñecemento da USC, Luis Otero, quen resaltou que “o incremento dun 25% no número de solicitudes de patente foi posible grazas ao aumento dos recursos dispoñibles, tanto financeiros como humanos, que mostran o compromiso da nosa institución coa protección do coñecemento xerado”.

A importancia de negociar a compensación económica dos acordos de licenza e contar cun asesoramento especializado dun experto en propiedade industrial fixo que Luis Otero sinalara que os ingresos en concepto de royalties previsiblemente ascenderán a 180.000 euros anuais en 2024, “correspondentes a tecnoloxías protexidas tanto mediante patente como mediante secreto empresarial”.

A maiores de mediante acordos con terceiros, as invencións patentadas xurdidas nos laboratorios poden tamén transformarse en industria e emprego mediante a creación de empresas de base tecnolóxica. En relación a estas últimas a USC dispón de 31 empresas que sustentan o seu modelo de negocio na explotación do coñecemento científico. Estas empresas, a diferenza das ‘startup’ convencionais, adoitan ter taxas de supervivencia e éxito moito máis elevadas.

A raíz destes datos, e como se puxo de manifesto no debate desenvolvido ao fío do programa IP Perspectives Galicia, a Universidade de Santiago atópase ben posicionada para abordar o impulso da transferencia que se recolle na nova Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), a Lei da Ciencia e o Plan de Transferencia. 

Na súa intervención o delegado do reitor tamén destacou o compromiso da USC coa transferencia do coñecemento, coa dotación dun orzamento propio de 350.000 euros no presuposto da área de valorización, a dotación de novos profesionais, o deseño de novos programas de valorización, o desenvolvemento de plans de transferencia para grupos de investigación, de programas de emprendemento e de colaboración coas empresas.

O potencial comercial dunha tecnoloxía patentada

Nesta cuarta edición, a xornada contou coa presentación dunha ferramenta clave para medir o potencial comercial dunha tecnoloxía patentada e definir así a súa capacidade para xerar beneficios económicos ou competitivos a través da concesión de licenzas ou a venda. Editouse en colaboración coa Fundación Barrié dentro do Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento.