Unha Ascensión con menos decibelios

As atraccións estarán instaladas na Alameda do 4 ao 19 de maio

O horario inclusivo, para pequenos cunha sensibilidade maior ao son e á iluminación, sera os días 4, 11 e 16 de maio de 17 a 19 horas

Un momento de la actuación en el Obradoiro de la orquesta Panorama en la fiestas de la Ascensión 2023

Un momento de la actuación en el Obradoiro de la orquesta Panorama en la fiestas de la Ascensión 2023 / Concello

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, minimizou na mañá deste martes a polémica sobre o informe negativo de Patrimonio en relación coa actuación da orquestra Panorama, aducindo que ese informe se tivo que pedir por mor da retransmisión da Televisión de Galicia desa actuación. Aínda que Lueiro puntualizou que polo xeral non se piden este tipo de informes cando se trata das festas da cidade.

Pilar Lueiro explicou que a orquestra ten o compromiso de reducir os decibelios durante o espectáculo, da mesma maneira que o resto de concertos programados entre o 8 e o 12 de maio. Uns espectáculos que comezarán o mércores 8 de maio coa programación de Los 40, na praza da Quintana, e onde actuará a formación galega Lontreira, xunto a David Otero, Bombai, Soge Culebra, Lérica, Mar Lucas, Álvaro Mayo e Álex Márquez.

Fillas de Cassandra encherán tamén a Quintana o día 9 de maio, festividade da Ascensión, ás 21 horas, pasando o relevo no Obradoiro á orquestra Funçāo Públika. E de novo na Quintana o sábado 11 será o evento Son Estrella Galicia.

Os drons súmanse aos clásicos: feira cabalar, chave e folclore

A competición de drons que o ano pasado se realizou durante as festas do Apóstolo pasa este ano ás festas da Ascensión, ao campo de hóckey da Universidade de Santiago (USC), o venres 10 de maio.

Súmase así a citas tradicionais coma as xornadas do baile tradicional, o 8 e o 11 de maio, á feira cabalar o día 9 no mercado de Amio, e ao campionato de chave o venres 10.

E xunto aos cabezudos, o día da Ascensión, tamén haberá monicreques durante toda a programación das festas. Ademais, a praza da Quintana acollerá o venres a partir das 20:30 horas a segunda edición do Compos Fest, que contará con recoñecidos artistas e grupos locais como Boyanka Kostova, Dios Ke te Crew, André G. S. e Cool Nenas. No mesmo emprazamento, o día 11 terá lugar o concerto Son Estrella Galicia que contará coa actuación de Billie Marten, e á mesma hora a orquestra Finisterre na Alameda.

Dende o xoves 9, as tradicionais alboradas interpretadas por agrupacións locais ambientarán coa súa música as rúas compostelás e a Banda Municipal de Santiago ofrecerá os concertos Desde a identidade e Desde a sétima arte na praza da Quintana. Ademais, en diferentes prazas da cidade, cidadáns e visitantes poderán gozar das actuacións máis tradicionais cos ciclos Folk na rúa (xoves, 9 de maio) e Escolas de Baile Tradicional (sábado, 11 de maio), ofrecido polas agrupacións folclóricas da cidade como Cantigas e Agarimos, Ultreia ou Brincadeira, entre outras.

Varios locais de Santiago acollerán o sábado as interpretacións de grupos de Cantos de Taberna cunha actuación conxunta final. O mesmo día pola tarde, a Casa do Taberneiro acolle un obradoiro para todos interesados neste tipo de cánticos populares.

O día grande das Festas, o xoves da Ascensión, terá lugar a comparsa de Cabezudos cun percorrido polas rúas dende ás 12:30, é a tradicional Feria Cabalar en Amio.

Horario inclusivo

Coma cada ano haberá un horario inclusivo nas atraccións, os días 4, 11 e 16 entre as 17 e as 19 horas. O horario inclusivo está pensado para aqueles cativos con diversidade funcional aos que molestan particularmente os son e a iluminación. 

Rapaces e rapazas con doenzas dentro do espectro autista que poderán gozar das atraccións en silenzo e sen distraccións lumínicas, para conseguir unha Ascensión inclusiva cos composteláns e visitantes máis pequenos.

Borja Verea aféalle ao Bipartito a permisividade coas orquestras

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, pediu este martes “coherencia e exemplaridade pública” ao BNG por pretender levar a cabo un evento no Obradoiro cun informe negativo de Patrimonio, en referencia ao espectáculo da orquestra Panorama durante as festas da Ascensión. Verea puxo o foco en que o Bloque “ten desorientada a cidade”, pois segundo o PP leva un ano destinando cartos públicos á campaña ‘Fráxil’ para coidar o patrimonio e agora “quere saltarse un informe de Patrimonio para facer un concerto con 20.000 persoas saltando nas mesmas pedras nas que non queremos deixar que se apoien os veciños”.

Pese ás palabras do líder ‘popular’, a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, asegurou que a capacidade para concerto da orquestra panorama é de 8.000 persoas, e tamén puntualizou que este informe técnico se pediu por parte da TVG, que transmitirá o evento, pero non é necesario cando se trata das festas da cidade.

Así e todo, Borja Verea reclamou que coa mesma lexitimidade que se lles pide aos veciños que cumpran as normas, así debe cumprir o goberno do BNG e salientou que “as cousas hai que facelas ben, e cumprindo cos informes técnicos necesarios; o que ninguén entende nesta cidade é que pasen de prohibir á xente que se apoie nas columnas do Pazo de Raxoi a permitir que 20.000 persoas salten sobre as pedras do Obradoiro cun informe de Patrimonio en contra”.  

Verea instou ao BNG a que se poida levar a cabo esta actuación cumprindo as normas, sen que isto supoña ningún tipo de perxuicio para o noso patrimonio. 

Programación Festas da Ascensión 2024