O Concello rectifica os criterios de admisión nos Clubs de Verán dos centros socioculturais

Ata agora pedíase que a cativada tivera a idade esixida cumprida na data de celebración da actividade na metade destes espazos

Imaxe do centro sociocultural de Fontiñas, na rúa de Berlín

Imaxe do centro sociocultural de Fontiñas, na rúa de Berlín / David Súarez

A Concellaría de Centros Socioculturais vén de abrir o prazo de inscrición nos seus Clubs de Verán, que se desenvolverán no mes de xullo en 15 equipamentos da rede, oito deles na zona urbana e sete no rural.

Ata onte mesmo, segundo o centro sociocultural no que se desenvolvese a actividade empregábase como criterio de admisión no club que o neno/a tivera unha idade cumprida ou que tivera nacido nun ano concreto. “Esto supón un trato totalmente discriminatorio para os nenos segundo o seu mes de nacemento e non ten lóxica ningunha. Ademais, para os pais supón ter que buscar outras alternativas máis caras para conciliar, polo simple feito de que o menor nacera na segunda metade do ano”, comentou en conversa con EL CORREO a compostelá Laura Rodríguez, quen enviou unha queixa ao concelleiro Xan Duro.

Por ese motivo, o persoal técnico do departamento está traballando xa para aprobar a corrección nos próximos días. “Este xoves estarán feitas as correspondentes actualizacións no folleto incluído na web municipal para que sexa pública a modificación”, manifestan.

Deste xeito, o único criterio a ter en conta será o ano de nacemento.

As preinscricións no programa deberán facerse antes do luns 20 de maio, ben a través da sede electrónica do Concello de Santiago ou remitindo a ficha de preinscrición ao correo electrónico viveoveran@santiagodecompostela.gal. O 30 de maio publicarase a lista de admitidos, 4 de xuño difundiaranse as listas provisionais, e o sorteo público das prazas no caso de existir maior demanda que oferta será o 5 de xuño no CSC de Cornes. A partir do 7 de xuño publicarase a lista definitiva de persoas admitidas e reservas, e a formalización do pagamento deberase facer do 10 ao 17 de xuño. 

En total, ofértanse 425 prazas para nenos e nenas desde os tres ata os 18 anos, dependendo do centro e da actividade. O medio ambiente, as novas tecnoloxías, e a interculturalidade serán algunhas das temáticas sobre as que se traballe no marco deste programa.

Os centros urbanos son os de Pontepedriña, Castiñeiriño, Vite, Fontiñas, Santa Marta, Romaño, Conxo e Ensanche. A Gracia, Bando, Marrozos, Lavacolla, Laraño, Figueiras e Nemenzo son os centros do rural.