O Museo do Gravado de Ribeira conmemorará o cincuentenario da morte de Picasso con tres mostras

A primeira abrirase este mes e estará formada por corenta e catro linogravados realizados polo artista nos anos cincuenta e sesenta

Pola esquerda, Pastor Rodríguez, María Sampedro, Manuel Ruiz e Anxo Lorenzo, na presentación. xunta

Pola esquerda, Pastor Rodríguez, María Sampedro, Manuel Ruiz e Anxo Lorenzo, na presentación. xunta / suso souto

O Concello de Ribeira será parada obrigada este ano para conmemorar o cincuentenario da morte do xenial artista malagueño Pablo Ruiz Picasso. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou este venres na presentación da programación do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, ubicado en dita localidade, co gallo de dito aniversario. Trátase de tres mostras que contan co apoio da Xunta e que se desenvolverán neste espazo ata o mes de outubro.

O obxectivo é, en palabras do representante da Administración autonómica, “poñer en valor a obra do pintor que custodia este museo e renderlle homenaxe nesta efeméride, tanto a través dos seus propios linogravados como da obra de artistas como o ribeirense Manuel Ayaso ou o noiés Alfonso Costa”.

O director xeral de Cultura agradeceu tamén á institución museística a súa contribución a Picasso, branco no recordo azul, a gran exposición coa que a Xunta reivindica a pegada galega na traxectoria do artista a través dunha escolma de 120 pezas, moitas delas representativas do seu período de formación na Coruña e da súa etapa de madurez e consagración. Non en balde, o Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital é prestador de obras ao Museo de Belas Artes da Coruña para esta mostra.

A primeira das tres exposicións, Gravados ao linóleo de Pablo Picasso, desenvolverase entre febreiro e abril e estará conformada por 44 linogravados que recollen parte do traballo nesta técnica realizado polo pintor entre os anos cincuenta e sesenta.

Unha técnica que resultaba especialmente atractiva para o artista, xa que achou nela unha relación colorística axeitada á economía da liña das súas composicións maduras.

Os gravados que se van exhibir foron publicados nun libro de edición limitada do ano 1963 en Barcelona. Tamén algunha destas obras esconde figuras aparecidas en maxistrais composicións do autor malagueño, como o cabalo do Guernica ou a súa esposa, Jacqueline.

Xa en maio e xuño exporase a mostra da obra dos pintores barbanceses Manuel Ayaso e Alfonso Costa Beiro en homenaxe a Pablo Picasso. A programación pecharase en outubro coa exposición das obras resultantes de tres obradoiros de linogravado celebrados polo museo ribeirense ata o mes de xullo. Os profesores encargados de impartilos serán os prestixiosos mestres José Fuentes Esteve e Antonio Navarro.

Lorenzo estivo acompañado na presentación do alcalde de Ribeira e presidente da Fundación Museo do Gravado, Manuel Ruiz; do director de dito centro, Pastor Rodríguez; e da edil de Cultura, María Sampedro.

MÁIS DE 40.000 ESTAMPAS.

O Museo do Gravado de Ribeira abriu as súas portas o día 21 de xuño de 2001 e atesoura hoxe máis de 40.000 estampas e máis de 8.000 libros (máis de 5.000 deles ilustrados).

Os seus fondos van desde finais do século XV ata os nosos días, con coleccións clasificadas por escolas (española, francesa, alemá, italiana, flamenca, galega...) e de diversas técnicas (xilografía, litografía, serigrafía, linoleografía, aguafuerte, aguatinta, punta seca, etc.). Neste tempo acolleu máis de 130 mostras, e as súas estampas viaxaron a EEUU, México, Costa Rica, Portugal, Xapón...