Pablo Lago pide o respaldo da cidadanía “para construír xuntos o Brión do futuro”

Trescentas persoas arrouparon ao candidato socialista á reelección nos comicios de maio

Imagen de archivo de Pablo Lago, número dos del PSOE de Brión, ayer con el bastón de mando.

Imagen de archivo de Pablo Lago, número dos del PSOE de Brión, ayer con el bastón de mando. / ECG

Redacción

O salón principal do Hotel Balneario Compostela (O Tremo) quedou pequeno para acoller a presentación de Pablo Lago Sanmartín como candidato á alcaldía do Concello de Brión. Un acto no que estivo arroupado por máis de 300 veciños e veciñas, así como por Xosé Luís García García, alcalde de Brión durante 43 anos, e Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral da executiva provincial do PSOE da Coruña.

Lago comezou agradecendo o apoio dos seus compañeiros de partido, en especial de José Luís García, dos traballadores municipais e da súa familia durante os dous últimos anos á fronte da alcaldía de Brión. “Eu quérolle moito a Brión e por iso teño deseñado un plan para construírmos xuntos o Brión do futuro. Un plan que abrangue todos os aspectos: infraestruturas, medio ambiente, deporte, mocidade, terceira idade, crianzas, comercio, cultura, etcétera”, apuntou o alcaldable.

Neste sentido, aproveitou para adiantar algúns deses proxectos, como Brión en verde, que xa se comezou a aplicar co reforzo do servizo de limpeza e mantemento das áreas naturais e que continuará coa mellora das rutas de sendeirismo. En materia de infraestruturas, destacou o inicio do programa de arranxo de estradas con aglomerado en quente. “Comezamos a facelos dende o exterior cara o interior de Brión, ademais de aglomerar nos Ánxeles”, sinalou Lago.