Os xogos tradicionais que animaron o confinamento xa están recollidos nun libro

Ricardo Pérez e Verdes, director do Melga, no centro / melga

Ricardo Pérez e Verdes, director do Melga, no centro / melga / REDACCIÓN

Redacción

O Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego vén de presentar o libro Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida. Xogos para a casa e espazos reducidos, que é o froito das propostas coas que dende o colectivo, do que forma parte o Museo Etnolúdico de Galicia (Melga), de Ponteceso, axudaron a entreter a toda a sociedade durante o obrigado confinamento pola pandemia.

Durante ese tempo, a través da web do Observatorio convidaron a practicar xogos galegos adaptables ás circunstancias coas modificacións necesarias para a habitabilidade e para que poideran gozar deles todas as familias.

O director do Melga, Ricardo Pérez e Verdes, foi un dos artífices desta iniciativa e participou no acto de presentación da obra, acompañado por Noelia Darriba, de Xotramu, de Muimenta (Lugo); Manuela Vázquez, de Rianxo; e Cristina López, vicerreitora da Universidade da Coruña. A obra, que xa foi dada a coñecer en varias vilas e cidades galegas, será presentada proximamente en Noia o vindeiro venres, 3 de marzo, e posteriormente en Rianxo o día 17.