O Bono Activa Comercio tentará potenciar o consumo e reducir o impacto da inflación
Gonzalo Trenor anunciou na Laracha que xa está aberto o prazo para baixar os códigos QR de desconto
O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou A Laracha, onde informou que dende este martes, día 9, os establecementos xa poden adherirse ao Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia. Fíxoo durante unha visita á tenda Tulipano Moda, acompañado polo alcalde, José Manuel López, e concelleiras locais.
Salientou que é moi importante “seguir potenciando o consumo das familias co comercio de proximidade” e poñer en valor “o servizo e a calidade do pequeno comercio e traballar conxuntamente para consolidar as vendas”. Explicou que a terceira edición do Bono Activa Comercio conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns en vendas. Ten tamén por obxectivo contribuír a reducir o impacto da inflación das familias.
Como en anteriores ocasións, as persoas consumidoras poderán descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos. Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil.
Os establecementos poderán adherirse ao Bono Activa Comercio da Xunta a partir do vindeiro martes
O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 €.
Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga e uso por parte dos consumidores desde o 15 de maio e ata o 15 de setembro, salvo esgotamento previo do orzamento destinado a este programa. Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos —un por persoa—, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.
Pola súa banda, o Concello larachés abrirá este mércores, día 10, o prazo para que os cidadáns soliciten os bonos do programa Eu merco na Laracha, dirixido a subvencionar as compras para reactivar e dinamizar o comercio local. Poderán facelo ata o día 19 de maio a través da web municipal. A Administración local destina a esta iniciativa un total de 40.000 euros do orzamento do Concello.
Temas
Más en Área
-
Dubra esgotará a vía xurídico-administrativa e mobilización social para evitar que instalen un vertedoiro en Niveiro
-
Chequeiras de 30 euros para que 1.330 laracheses aposten polo consumo de proximidade
-
Cee impulsa un plan estratéxico de turismo para posicionarse como un destino sostible e desestacionalizado
-
Vimianzo pon en valor as etapas da Vía Mariana