Ecos da festa das Letras: folclore, regueifas e Romaría das Fousas

A Pobra acolle o festival Bailando ás flores //Villaverde reivindica a Zernadas de Castro ante a RAG: “Temos que irlle petar á porta”

Teresa Villaverde durante a ofrenda floral ante o busto de Zernadas de Castro en Fruíme / concello de lousame

Teresa Villaverde durante a ofrenda floral ante o busto de Zernadas de Castro en Fruíme / concello de lousame / suso souto

A gran festa ao redor do Día das Letras Galegas vai moito máis alá do dezasete, e no Barbanza aínda quedan cartuchos de troula por queimar. Pero Lousame non quixo deixar pasar esa data sen volver reivindicar que se lle dedique algún ano a Diego Antonio Zernadas de Castro, máis coñecido como o cura de Fruíme. “Ó mellor teremos que ir xuntos á Real Academia Galega e petar. Eu xa fun unha vez, pero haberá que volver e seguir petando”, sinalou a alcaldesa, Teresa Villaverde.

Medio cento de persoas acompañaron á rexedora, á concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, e á presidenta da Asociación de Veciños de Fruíme, Ermitas Lorenzo, na ofrenda floral diante do busto do autor e que estivo protagonizada por tres rapazas da parroquia, Sofía, Ainara e Leyre, que previamente deron lectura a uns textos sobre Francisco Fernández del Riego e Diego Antonio Zernadas de Castro, e mesmo leron un poema do cura de Fruíme.

Villaverde explicou que Zernadas de Castro “aprendeu moito dos veciños e fixo moito a prol deles, a prol da lingua e da cultura galega”.

O acto rematou coa actuación de O Son do Pote que, ademais de interpretar o himno galego, tocou varias pezas que animaron a moitos dos presentes a bailar.

Na Pobra, as prazas Maura, Rosalía de Castro e Cantón da Leña e a alameda acollerán este sábado dende as 19.30 horas o festival folclórico Bailando ás flores, cos grupos Xiada e Ruadiña, A Pinguela de Bama, Abeloura e Arrancadeira.

En Rianxo celébrase tamén este sábado, en Filgueiras (Taragoña), a Romaría das Fousas. Desde as 10.30 horas haberá un obradoiro de cultivo de shitake, xogos populares, demostración de extracción de resina, un faladoiro sobre política medioambiental e forestal, sesión vermú a cargo de DJ Enxebre, xantar popular, unha clase de introdución á apicultura e iniciación ós bolos celtas.

E en Boiro, dende as 11.30 horas deste sábado, a rúa peonil acollerá a mostra EnsinArte, con obras feitas polo alumnado dos centros educativos locais. Os asistentes desfrutarán tamén de xogos tradicionais. E, pola tarde, a partir das 18.00 horas, o Pazo de Goiáns (onde rematará o espectáculo itinerante Transhumancia sonora) será escenario da actuación A música das buguinas, de Mamá Cabra; un obradoiro de regueifas a cargo de Lupe Blanco e O Caruncho; unha visita teatralizada de Os Quinquilláns; e a actuación do Mago Teto.