Arzúa terá un tripartito tralo acordo de goberno asinado entre BNG, AxA e PSOE

As tres forzas aseguran que así dan resposta ao mandato da veciñanza nas urnas o pasado 28-M

Arzúa terá un tripartito tralo acordo de goberno asinado entre BNG, AxA e PSOE

Arzúa terá un tripartito tralo acordo de goberno asinado entre BNG, AxA e PSOE / REDACCIÓN

Redacción

O BNG (3 concelleiros), Alternativa por Arzúa (3) e o PSOE (1) formarán un goberno tripartito no Concello de Arzúa de cara aos próximos catro anos de lexislatura. “Trátase dun acordo estabelecido sobre os principios de igualdade, lealdade, honestidade, colaboración e cooperación institucional”, informou o alcalde, o nacionalista Xoán Xesús Carril. Os grupos que compoñen a coalición aseguran que dan así, “resposta ao mandato da veciñanza nas urnas o pasado 28 de maio, ao non darlle a ningunha forza política a maioría absoluta”. Ao fío desto, sosteñen que “é un acordo froito do diálogo para darlle a Arzúa un goberno de progreso estable e forte, defensor absoluto do interese público, da xestións limpa, transparente e participativa, e do trato en igualdade a todas as veciñas e veciños do noso Concello”.

En base ao acordo feito público, corresponderannlle ao BNG, ademáis da alcaldía, as concellarías de: Urbanismo, Obras e Servizos, Medio Ambiente e Benestar Animal, Deportes, Igualdade, Xuventude e Infancia, Normalización Lingüística e Patrimonio, Participación Veciñal e Transparencia, Persoal e Réxime Interno e Facenda e Contratación. Pola súa banda, Alternativa por Arzúa asume as concellarías de Cultura e Educación, Servizos Sociais e Terceira Idade e Atención ás Parroquias. E a edil do PSOE, Begoña Balado detentará as concellarías de Turismo, Promoción económica, comercio e consumo, e Acción Urbana.