María Lago perfílase para ser este venres a nova alcaldesa de Muros

Nacionalistas e socialistas prevén confirmar hoxe o acordo

A candidata do Bloque desbancará a rexedora Inés Monteagudo

María Lago, primeira fila, perfílase como nova alcaldesa de Muros / BNG

María Lago, primeira fila, perfílase como nova alcaldesa de Muros / BNG / j. m. ramos

Á espera da confirmación oficial, prevista para este mércores, todo apunta a que este venres producirase o relevo na alcaldía de Muros logo de que na tarde do martes, BNG (4 concelleiros) e PSOE (3) perfilasen o acordo para desbancar do primeiro sillón a Inés Monteagudo (PP, 5). Será relevada, salvo sorpresa de última hora, pola nacionalista María Lago, que accederá á alcaldía co apoio dos edís socialistas. Falta por saber se finalmente BNG e PSOE formarán un goberno bipartito, ou se os nacionalistas gobernarán en minoría. Lago sinalou onte, despois da reunión, que ambos grupos difundirán este mércores un comunicado dando a coñecer o acordado.

O que si deixou claro antes de que se celebrase a xuntanza de onte é que calquera acordo co PSOE pasaba por que a alcaldía fose para o BNG. “Iso é algo innegociable, só hai dúas opcións, ou son eu a alcaldesa ou senón o seguirá sendo a candidata da lista máis votada (PP)”, afirmou. Tamén subliñou que a intención do seu grupo era “chegar cos deberes feitos ao pleno do vindeiro venres, día 7”.

A sesión plenaria xa foi convocada e dará comezo ás 10.00 horas, tal e como confirmou a alcaldesa en funcións, Inés Monteagudo, quen se amosou pesimista ao respecto da súa continuidade no primeiro sillón municipal de Muros. “A esperanza é o último que se perde”, engadiu, pero, non obstante, é consciente de que será moi difícil.

Monteagudo exerceu como alcaldesa nos últimos catro anos, liderando un goberno do PP en minoría. Xa fora cabeza de lista dos populares nas eleccións do 2015 cando, a pesar de ser tamén a candidata da lista más votada, non conseguiu o primeiro sillón, que ocupou María Xosé Alfonso, de Compromiso por Galicia (CxG). No 2019 repetíronse os resultados das anteriores eleccións, pero tanto PSOE como CxG votaron polos seus candidatos e Inés Monteagudo foi elexida alcaldesa ao ser o seu partido o máis votado.

O que si está claro é que Muros seguirá contando cunha muller á fronte da alcaldía, como vén sucedendo dende 2011, cando asumiu o cargo a actual líder do PSOE, Caridad González, quen xa exercera como alcaldesa entre 2004 e 2007.

Cómpre recordar que a constitución da nova Corporación de Muros viuse aprazada ata o día 7 de xullo, ao igual que nos concellos de Boiro, Lousame, Mazaricos, Noia, Outes, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Ribeira, por decisión da Xunta Electoral de zona despois dun recurso presentado polo PSOE, que foi desestimado, no que os socialistas pedían a revisión duns novecentos votos que foron considerados como nulos nas distintas mesas dos municipios da área do Barbanza.