Ames abre o prazo de inscrición para participar nos cursos de natación do mes de agosto

As inscricións deben realizarse de xeito telemático, a través da plataforma Cronos

O custe dos cursos é de 20 euros, reducíndose a 10 euros para o segundo membro de cada familia e a 5 euros para o terceiro e restantes

Imaxe dunha das dúas piscinas exteriores ubicadas na localidade do Milladoiro

Imaxe dunha das dúas piscinas exteriores ubicadas na localidade do Milladoiro

Redacción

Dende o 10 ata o 21 de xullo está aberto o prazo de inscrición para participar na segunda quenda dos cursos de natación organizados polo departamento de Deportes do Concello de Ames para este verán, que se desenvolverá no mes de agosto. Estas actividades terán lugar de luns a venres, nas piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. A iniciativa conta coa colaboración da Deputación da Coruña. As inscricións deben ser tramitadas a través da plataforma Cronos.

Co inicio do mes de xullo comezaron os cursos de natación, que se imparten nas piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro. Os rapaces e rapazas que queiran participar nas clases do mes de agosto están a tempo de inscribirse, xa que o prazo para anotarse vai do luns 10 ao venres 21 de xullo.

Horarios

Tanto os cursos de xullo como os de agosto están organizados en función das franxas de idade dos participantes. Deste xeito, ás 11:15 horas comezan as clases os rapaces e rapazas que superan os 10 anos, mentres que ás 12:00 é o momento dos nenos/as de 8 e 9 anos. A continuación, ás 12:45 horas entrarán na piscina as crianzas de 6 e 7 anos; e finalmente seguiranos, arredor das 13:30 horas, os cativos e cativas de entre 3 e 5 anos.

Trámites de inscrición

As inscricións deben realizarse de xeito telemático, a través da plataforma Cronos, seguindo estas instrucións. Os impresos para facer efectivo o pagamento (autoliquidación) poderán solicitarse nas oficinas de recadación, ben no Milladoiro (rúa da Viorneira, número 6), ou ben en Bertamiráns (na praza da Horta de Abaixo, número 6).

Outra opción é facelo a través do correo electrónico ames@canaltributos.com ou chamando ao número de teléfono 981 88 48 96. No caso de dispor de certificado dixital ou DNI electrónico poderase descargar o documento de pago e aboar o importe a través da ligazón da Oficina Virtual Tributaria.

O custe dos cursos é de 20 euros (reducíndose a 10 euros para o segundo membro de cada familia e a 5 euros para o terceiro e restantes). Para máis información sobre a actividade pódese enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 619 842 504.