Unha moza de Ames gaña o VI Concurso de microrrelatos cun relato de tan só 9 palabras

A entrega dos premios do concurso será hoxe a partir das 17:30 horas na Fundación Luis Seoane

Andrea Bravo López acadou a máxima distinción con “Querer”, o relato de só 9 palabras, na modalidade xuvenil

Os galardoados no VI Concurso de microrrelatos

Os galardoados no VI Concurso de microrrelatos / RAG

Redacción

A Real Academia Galega e PuntoGal celebran hoxe, luns 10 de xullo, a entrega dos premios do VI Concurso de microrrelatos que convocan conxuntamente. O acto, de entrada libre, terá lugar a partir das 17:30 horas na Fundación Luis Seoane (rúa San Francisco, 27 – A Coruña). Recollerán os galardóns das tres categorías establecidas -infantil, xuvenil e adultos- as nove persoas premiadas entre as máis de mil que participaron con historias de ata 200 palabras. Dous dos tres premios de persoas adultas recaeron en docentes de secundaria do mesmo instituto, o IES Rego de Trabe de Culleredo: Nel Vidal, recoñecido co primeiro premio, e Mónica Fraga, co terceiro. O segundo galardón de persoas adultas é para a costureira e contacontos Nanda Misa Costas, veciña de Nigrán.

Un relato de 9 palabras

Na modalidade xuvenil, á que concorreron case 400 mozos e mozas entre os 12 e os 17 anos, o xurado premiou as historias de tres mozas de Ames, Vigo e Teo. Andrea Bravo López (Ames, 2009), estudante do IES do Milladoiro, acadou a máxima distinción con “Querer”, o relato, con só 9 palabras, máis breve dos nove galardoados.

O relato de 9 palabras de Andrea

O relato de 9 palabras de Andrea / RAG

O segundo premio é para Mencía Jorge Cabaleiro (Vigo, 2006), alumna do IES Castelao da súa cidade natal, por “Perda”, un texto de 191 palabras sobre o que vai quedando atrás na vida e a ferida que deixa; e o terceiro para Beatriz Martínez García (Teo, 2006), alumna do IES de Cacheiras, por “Cun pouco de azucre”, un relato que transmite unha chea de emocións desacougantes en só 85 palabras.

A categoría infantil contou coa participación de preto de 200 nenos e nenas de ata 11 anos. Ainhoa Valverde Silva (Baiona, 2012), alumna CPI de Cova Terreña, foi recoñecida co primeiro premio por “O meu irmán”, de 93 palabras; Arwen Fernández García (Nigrán, 2014), alumna do CEIP Humberto Juanes, recibiu o segundo por “O poema”, o segundo relato máis curto de todos os distinguidos, de só 11 palabras; e Mai Lemmen (Geldrop, Holanda, 2016), alumna do CEIP Castrelo de Miño, foi recoñecida co terceiro por “A gatiña saltarica”, de 40 palabras. 

Xurados

Os relatos presentados na modalidade de persoas adultas foron valorados polo xurado composto polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico, Manuel González González; a académica M.ª Dolores Sánchez Palomino; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista Rosalía Macías Tarrío.

Por outro lado, o xurado das modalidades infantil e xuvenil integrárono o académico Gonzalo Navaza, a académica correspondente Celia Pereira Porto, a profesora da Universidade de Vigo e secretaria da xunta directiva de PuntoGal, Edita de Lorenzo, e o mestre e escritor Lois Pérez.