Cee convida a unha viaxe no tempo a través do legado do seu mecenas

Visitantes diante dos óleos de Madrazo /M.F. B.

Visitantes diante dos óleos de Madrazo /M.F. B. / j. m.

Baixo o título Fernando Blanco de Lema. O home que foi quen de ollar máis aló. Coñece o seu legado, volven as visitas guiadas de verán ao Museo Fernando Blanco, de Cee, e tamén ao xardín botánico e ás dependencias interiores do instituto ao que dá nome o gran mecenas da vila da Xunqueira.

Unha proposta a modo de viaxe no tempo que abarca dende 1796 (ano de nacemento de Fernando Blanco de Lema) ata a actualidade, onde ademais de percorrer as salas do museo, os visitantes poderán gozar da diversidade de árbores centenarias do xardín botánico do instituto, e tamén distintas dependencias do centro educativo, como a sala de profesores, a biblioteca e a capela, entre outras.

As visitas guiadas comezarán o vindeiro venres, día 28 de xullo, e terán continuidade en agosto os días 4, 11, 18 e 25, e tamén en setembro, os días 1 e 8, segundo informa o secretario da Fundación Fernando Blanco e responsable do museo, Darío Areas. Os percorridos comezarán ás 11.00 horas e terán unha duración de entre 90 e 120 minutos. As visitas faranse en grupos de entre dez e vinte persoas e será necesario inscribirse previamente no propio museo, chamando ao 981 747 221 ou no correo fundacioncee@hotmail.com.