Os amienses reciclaron en xuño 3 toneladas de aparellos eléctricos

A instalación rexistrou nese mes 581 entradas

Destaca tamén o aumento no depósito de aceites: 122 litros de vexetal e 44 de motor

Vehículo do Punto Limpo do Concello de Ames / concello de ames

Vehículo do Punto Limpo do Concello de Ames / concello de ames / redacción

Redacción

O Punto Limpo de Ames, sito na rúa das Hedras, no parque empresarial do Milladoiro, rexistrou 581 entradas no pasado mes de xuño, destacando a achega de 2.630 quilos de equipos eléctricos e electrónicos.

O número de veciñas e veciños que fan uso da instalación para depositar alí os seus residuos segue incrementándose, xa que cada vez somos máis conscientes da importancia que ten facer un uso correcto dos refugallos que non se poden depositar nos colectores convencionais.

Concretamente, a veciñanza amesá depositou 2.630 quilos de equipos eléctricos e electrónicos, 100 quilos (2 m3) de envases baleiros contaminados, 360 quilos de pneumáticos (48 unidades), 60 quilos de baterías de chumbo (4 unidades), 3 m3 de roupa, 100 m3 de voluminosos e 11 quilos de pilas (380 unidades).

Ademais, rexistrouse a entrada de 77 tubos fluorescentes e outras lámpadas; 20 m3 de escombro, outros 30 de plásticos e 30 de metais; 96 quilos de pintura; 100 m3 de madeira e 9 de papel; e 46 unidades de aerosois. Cómpre destacar tamén o incremento nos aceites: 122 litros de aceite vexetal e 44 de motor.

Recentemente, a instalación ampliou o seu horario, e ofrece atención de luns a sábado en horario de mañá e de tarde. Así, abre de 09.00 a 15.00 e de 16.00 a 20.00 horas, seis días á semana. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao número de teléfono 981 536 688.

Os voluminosos deben entregarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números 981 191 240 ou 639 107 638, para acordar unha data e un lugar, coa finalidade de depositalos xunto ao contedor máis próximo, para posteriormente facer a recollida.

Ademais, o pasado mes de abril comezou a funcionar o Punto Limpo móbil. Trátase dun vehículo adaptado que percorre os diferentes lugares e parroquias de Ames, cuns horarios e puntos prefixados, normalmente ao carón das casas da cultura ou locais sociais de cada parroquia, co obxectivo de que a veciñanza poida depositar os pequenos residuos domésticos para os que non existen colectores na vía pública.

O vehículo consta dunha plataforma móbil que se abre en dúas metades deixando un corredor central desde o que se accede aos colectores específicos para cada tipo de residuo. Un operario axuda a que todos os residuos se depositen no colector que lles corresponde.

Os residuos que se poden depositar en dito Punto Limpo son aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, CD’s, DVD’s, disquetes e casetes, cristal, xoguetes, lámpadas e fluorescentes, pequenos electrodomésticos electrónicos (televisores, microondas, ordenadores, etc.), pilas, pinturas e vernices, radiografías, roupa e calzado e móbiles.