Menú de cinco tapas na Festa da Anguía

A XXXIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga xa ten menú para a noite deste sábado

Tapas de anguía frita, unha das exquisiteces que se poderán degustar na Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga / concello de valga

Tapas de anguía frita, unha das exquisiteces que se poderán degustar na Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga / concello de valga / suso souto

A XXXIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga xa ten menú para a noite deste sábado. Os asistentes á celebración gastronómica poderán degustar ata cinco tapas con anguía e catro cocteis elaborados con augardente artesanal.

Os petiscos, ata un total de 1.000 unidades, venderanse a 2 euros. Catro serán elaborados polo equipo de Indo e Vindo Gastronomía: guacamango de anguía (ensalada con aguacate, mango, tomate e anguía escabechada); anguía frita sobre patacas palla e dúas salsas; tosta de anguía á barbacoa sobre pan de millo e con puré de pataca cítrico; e curry de anguía e fabas (anguía cociñada a baixa temperatura e braseada, acompañada de feixóns cocidos en aceite de coco e unha combinación de especias). A quinta tapa é a gañadora do premio do xurado na edición de 2022 da Ruta-Concurso Tapa a Anguía: popietas de anguía, de Casa Comparada (anguía cociñada a baixa temperatura rechea de tapenade, sobre unha cama de cebola encurtida e queixo cottage).

O encargado de preparar os cócteles con caña do país será o profesional do sector César Argibay e as distintas opcións serán: capiriña con caña branca; mojito con caña tostada; daiquiri con caña de herbas; e daiquiri de froitos vermellos ás finas herbas (con caña de herbas). O prezo será de 1,50 euros por cada cóctel ata un total de 1.000 unidades.

Os tiques para a degustación, que terá lugar no Parque Irmáns Dios Mosquera, comezarán a venderse ás 21.30 horas. E, ademais, á medianoite haberá queimada gratis.

O día grande da XXXIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País comezará ás 12.00 horas coa degustación de tapas de anguía nos locais hostaleiros. Pola tarde, ás 16.00 horas, haberá unha festa infantil con xogos e inchables no Parque Irmáns Mosquera. Ás 17.00 horas acenderanse as potas para a demostración do destilado tradicional de augardente no Centro de Interpretación da Caña do País. Ás 19.00 horas será a recepción de autoridades na casa consistorial e ás 20.00 horas levarase a cabo a lectura do pregón a cargo de Samuel Rial Maneiro (mellor expediente de Bacharelato de Valga e un dos mellores de Galicia, recoñecido pola USC).

Ás 20.15 horas procederase á entrega de premios dos concursos Valga. Anguía, caña e camiño, Caña do País, Embelecer Valga, cartel anunciador e Ruta-Concurso Tapa a Anguía e ás 20.45 horas, a Banda de Música Municipal de Valga ofrecerá un concerto. Ás 21.30 será a degustación de tapas de anguía e cócteles feitos con caña do país. Ás 22.30 o grupo Bomba animará a verbena. Á medianoite celebrarase unha queimada con conxuro a cargo de Troula Animación e ás 00.30 terá lugar un espectáculo de fogos e luces.