A Xunta salienta na Estrada a importancia das mulleres nas políticas sobre o rural galego

José González durante o acto de onte

José González durante o acto de onte / CEDIDA

Redacción

O conselleiro do Medio Rural, José González, sinalou onte nun acto na Estrada que todas as políticas da Xunta a prol do rural galego son representativas da presenza da muller neste ámbito. Así, na súa intervención de apertura de Alma Rural, o conselleiro lembrou que o colectivo feminino está presente nas axudas do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia cunha prioridade nos criterios de valoración para a concesión das achegas. Unhas axudas destinadas a apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas por agricultores mozos ou para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

José González estivo acompañado neste acto pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. O titular de Medio Rural puxo tamén en valor a presenza maioritaria da muller galega á fronte de explotacións agrogandeiras, xa que o número delas titulares na comunidade supera o 50%, moi por riba do 22,6% da media nacional, remarcou.

Ademais, o conselleiro trasladou que “a historia de Galicia non se entende sen a historia particular das mulleres” e puxo en valor a súa contribución ao avance social como “loitadoras, emprendedoras, formadas, dinámicas e innovadoras”. Engadiu que “sosteñen o ceo cunha man, para cultivar a terra coa outra”. Por iso, avogou para seguir cultivando o feminismo, “coa limpeza do camiño da igualdade e cun desenvolvemento do rural en equidade”. A maiores, José González salientou que Alma Rural é froito da colaboración entre as consellerías de Promoción do Emprego e Igualdade e do Medio Rural, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.