Fernando Castro recibiu o premio García Barros na Estrada e Negreira ultima o de poesía Ardeiro

O recoñecemento estradense recaeu na novela 'Entomoloxía para misioneiros', e inclúe 9.000 euros

Na capital de Barcala admiten obras líricas ata o vindeiro 20 de novembro para optar a 2.500 €

Fernando Castro, á esquerda, autor premiado co García Barros 2023

Fernando Castro, á esquerda, autor premiado co García Barros 2023 / Concello

As distintas comarcas de Área continúan a demostrar o seu interese pola literatura, ca convocatorio do galardón de poesía Ardeiro na capital de Barcala e a entrega, ao profesor Fernando Castro Paredes, do Premio de Novela Manuel García Barros na Estrada este venres.

Deste xeito, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na entrega do García Barros ao profesor Fernando Castro Paredes pola obra Entomoloxía para misioneiros. O galardón, dotado con 9.000 euros e a publicación da novela, está impulsado polo Concello da Estrada coa colaboración da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia para promover a creación literaria en lingua galega. O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades deulle os parabéns ao gañador desta edición pola súa novela “que nos invita á reflexión sobre grandes cuestións e que engancha aos amantes da lectura desde o primeiro momento”. 

Ademais, Valentín García aproveitou a ocasión para agradecer, un ano máis, o labor do Concello da Estrada, que leva máis de 30 anos organizando este certame, “erixido como un dos máis prestixiosos do panorama literario galego actual”. No acto, que se celebrou no Teatro Principal da Estrada, tamén participou o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Juan Constenla, máis o director de edicións de Editorial Galaxia.

E, por outra banda, o Concello de Negreira anima a participar na XII edición do Premio de Poesía Xosé M. López Ardeiro, cuxo prazo de presentación segue aberto ata o 20 de novembro. Poderán concorrer obras escritas en lingua galega, orixinais e inéditas, de entre 350 e 700 versos, que se enviarán á delegación de cultural municipal. O gañador recibirá 2.500 € e exemplares da súa obra.