Licitada a mellora da estrada que comunica os concellos de Noia, Lousame e Boiro

A Deputación investirá máis de 923.000 euros

Reforzarase a seguridade e renovarase o pavimento

Valentín González, dereita, con Santiago Freire, no centro, en Noia

Valentín González, dereita, con Santiago Freire, no centro, en Noia / Deputación da Coruña

J. M. Ramos

A Deputación da Coruña vén de anunciar a licitación pública da segunda fase das obras de mellora da estrada DP-1105, que une Noia, Boiro e Lousame. Un anuncio que chega nove días despois de que o presidente provincial, Valentín González, confirmara na vila noiesa a continuación dos traballos de reforzo da seguridade e a renovación do pavimento. O orzamento previsto é de 923.074 €.

Tras completar a renovación do firme nos primeiros 5,5 quilómetros que atravesan o termo municipal de Noia, a Deputación continuará agora coa mellora ata o quilómetro 13 do vial, nos municipios de Lousame e Boiro. Os traballos suporán a renovación da plataforma mediante o estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente. Tamén se inclúe a roza das marxes, a apertura e limpeza de arcéns e cunetas, o pintado das marcas viais, bordes e pasos de peóns e a renovación da sinalización horizontal. Con esta nova actuación, a Deputación suma 1,5 millóns de euros de investimento para completar a mellora integral desta estrada. REDACCIÓN