Pontón comprométese a activar a Mesa polo Leite para “garantir prezos xustos”

A líder do BNG visitou en Ames a cooperativa CLUN, onde defendeu o Observatorio Lácteo, mobilizar 100.000 hectáreas de terra produtiva e impulsar a I+D+i no sector

Ana Pontón, no centro, escoita as explicacións sobre o funcionamiento da cooperativa CLUN

Ana Pontón, no centro, escoita as explicacións sobre o funcionamiento da cooperativa CLUN / Cedida

Redacción

A líder do BNG asegurou este martes que se chega á Presidencia da Xunta activará a Mesa polo Leite como mecanismo de negociación entre produtores e industria. Será, segundo dixo Ana Pontón, “un espazo de interlocución” no que abordar todas as cuestións de interese para ambas partes, particularmente todo o relacionado coa comercialización e os prezos do leite.

Así o avanzaba Pontón na visita que realizou á cooperativa CLUN, en Ames. Alí explicou que o BNG traballará por un sector onde os productores “reciban prezos xustos e onde o leite non sexa utilizado como reclamo nas grandes superficies comerciais”. Neste sentido, lembrou que hai que garantir o que recolle a propia Lei de Cadea Alimentaria. “Non se pode pagar por debaixo dos custos de produción”, recordou. Neste sentido, reafirmou o compromiso do BNG de publicar os custos despois dun estudo rigoroso e científico coas Universidades e profesionais da Administración.

Pontón tamén apuntou outras propostas do Bloque para o sector, que considerou “estratéxico” para o futuro de Galicia, como a reactivación do Observatorio Lácteo, “potenciando aquelas liñas de traballo que contribúan a reducir os custos de produción nas explotacións, ou a recuperación de terras agrarias e produtivas para ampliar a base das explotacións lácteas”, co compromiso de mobilizar 100.000 hectáreas na próxima década.

Ademais, defendeu a elaboración dun plan estratéxico que aposte pola I+D+i e por impulsar unha maior transformación do leite que xere maior valor engadido. “Queremos un sector onde haxa moita capacidade de innovación e que aposte pola transformación”, incidiu.

Unha cooperativa que factura 240 millóns ao ano

A cooperativa rural galega CLUN, unha das empresas máis importantes da área compostelá, bateu o ano pasado o seu récord de facturación consolidada ao superar os 240 millóns de euros en vendas, un 27,4% máis que no ejercicio anterior. Ademais, os seus lácteos comercializáronse en 60 países de todos los continentes e as exportacións aumentaron un 50%.

CLUN fabrica e comercializa as marcas lácteas Feiraco, Clesa e Únicla. Nos dous últimos anos investiu 17 millóns de euros para aumentar a súa sostibilidade e a súa capacidade de transformación, según indicou o seu director xeral, Juan Gallástegui, na asemblea xeral celebrada no mes de xullo, na que se presentaron as contas da entidade.