Comeza en O Son a doazón de voces para o banco de variedades dialectais de Galicia

As peculiaridades fonéticas do galego enriquecerán o Proxecto Nós // O divulgador Rogelio Santos sumouse á iniciativa que permitirá que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas

Rogelio Santos Queiruga na campaña de recollida de voces.

Rogelio Santos Queiruga na campaña de recollida de voces. / R.S.

Suso Souto

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, participaron este martes na aula Cemit de Porto do Son na presentación da campaña AgasallaNós de doazón de voz para o Proxecto Nós. Trátase dunha iniciativa que a Xunta de Galicia lanza xunto coa USC e que permitirá recoller a variedade fonética e dialectal de Galicia para permitir que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas do galego.

No acto, o representante autonómico destacou que a finalidade desta campaña é “crear un rexistro o máis variado posible”. Para iso, tal e como explicou Román Rodríguez, é preciso contar cunha gran cantidade de xéneros, idades e variedades dialectais que axude a “ampliar e enriquecer o rexistro do noso patrimonio oral e asegurar un maior perfeccionamento desta tecnoloxía”.

Para conseguilo, na xornada deste martes recolléronse mostras vocais de xeito presencial na proba piloto habilitada na aula Cemit de Porto do Son, que estivo aberta ata as 20.00 horas. Entre quenes sumaron as súas voces a esta iniciativa estiveron, ademais do conselleiro e o reitor, o alcalde sonense, Luis Oujo, e o mariñeiro local e divulgador de temas mariños Rogelio Santos Queiruga, quen animou a todo o mundo a participar “para que o noso idioma forme parte das novas tecnoloxías, ao igual que o euskera, o catalán, o castelán, o inglés, o chino, o alemán ou o italiano, e que se inclúa o noso bonito acento atlántico”.

Rogelio Santos (que ten 83.000 seguidores en Facebook, 37.500 en Instagram e 19.400 en X), dixo que “a gravación dura un mínimo de 5 minutos, pero o ideal son 15. E paréceme pouco para o importante que será o resultado, que permitirá que os dispositivos cos que interactuamos recoñezan a nosa voz coas súas particularidades fonéticas e dialectais”.  

A de Porto do Son foi a primeira localidadde galega na que se realizou esta recollida de voces, para a que aínda non están axendadas as vindeiras datas e concellos, aínda que antes de que remate o ano farase en Lalín e Melide. De momento hai só unhas 65 horas de gravacións; agárdase acadar nos vindeiros meses o millón de frases lidas. 

Ademais, pódese colaborar tamén de xeito telemático a través do novo espazo web doagalego.nos.gal creado para esta iniciativa, na que está integrada a ferramenta Common Voice, a aplicación de referencia a nivel mundial para a recollida de voces para o seu uso en materia de tecnoloxías lingüísticas. Actualmente, o galego é xa o noveno idioma do mundo con máis frases nesa plafaforma.

Os participantes deben ler as frases que lles propón o sistema de xeito aleatorio entre os textos nos que figuran dende novas de xornais ata actas do Parlamento de Galicia, novas dos telexornais da TVG, etc. Asimesmo, outras dúas persoas deben ler o mesmo que a outra para constatar que o fixo correctamente.

O obxectivo é evitar a morte dixital do idioma galego. A resposta dos sonenses foi “extraordinaria”, segundo a Consellería. “Con esta campaña queremos acadar as máis de 1.000 horas de gravación que son precisas para garantir que o recoñecedor de voz funcione sen problemas”, precisou o conselleiro. “Estou seguro de que a resposta será todo un éxito e que xuntos avanzaremos nun proxecto de país; darémoslle voz á tecnoloxía e traballaremos polo benestar do galego na sociedade presente e do futuro e a nova realidade tecnolóxica”, engadiu. Tamén agradeceu a implicación da USC e a colaboración de todas as universidades públicas no Proxecto Nós, “chamado a abrirlle ao galego as principais portas da economía global dixital”.