Recompilan voces e fotos para un arquivo histórico de Cabo da Cruz

O proxecto busca recuperar a historia desta parroquia boirense

Embarcacións tradicionais no porto de Cabo de Cruz

Embarcacións tradicionais no porto de Cabo de Cruz / A.C. A Gamela

Suso Souto

A asociación de tradicións mariñeiras A Gamela de Cabo da Cruz (Boiro) vén de conseguir unha axuda dos Grupos de Acción Local da Pesca (GALP) para desenvolver un proxecto de recuperación da historia de dita parroquia.

O proxecto ten varias fases: dende a recollida de material gráfico e histórico do lugar ata a gravación de testemuñas das persoas maiores. Con todo ese material elaborarase un arquivo histórico da parroquia que favorecerá diferentes iniciativas, como unha exposición de paneis permanentes ao aire libre nas inmediacións do antigo porto de Cabo da Cruz, unha web temática onde poder ver as fotos, documentos e vídeos resultados do proxecto, publicacións en papel, soportes dixitais e redes sociais, etc.

A Gamela pretende con este proxecto cumplir co seu obxectivo de recuperación e posta en valor do patrimonio do lugar, comezando polas embarcacións tradicionais e a cultura marítima pero tamén o entorno social e cultural co que estas embarcacións están relacionadas. O prazo de recollida de material está aberto.