Uxía e o restaurador Suso Coba van aderezar o Caldo de Gloria na honra de Rosalía o día 23 na vila padronesa

Quenes merquen do 6 de febreiro ao 3 de marzo un libro en galego recibirán a escolma de textos rosalianos feita por Anxo Angueira

Pola esquerda, Carlos Blanco, Valentín García, Anxo Angueira e Anxo Arca, na presentación dos actos

Pola esquerda, Carlos Blanco, Valentín García, Anxo Angueira e Anxo Arca, na presentación dos actos / Fundación Rosalía de Castro

Suso Souto

Con febreiro chegan as celebracións do Día de Rosalía, que este ano se amplían cunha campaña de promoción do libro galego que agasallará con 20.000 escolmas rosalianas a todas as persoas que merquen un libro en galego. Está organizada polas fundacións Rosalía e Xistral, unha entidade que vén de nacer co obxectivo de promocionar a lingua e a cultura galega. 

Deste xeito, cada persoa que merque un libro en galego do 6 de febreiro ata o 3 de marzo levará como agasallo unha escolma de textos rosalianos titulada Celebrarmos Rosalía realizada por Anxo Angueira e editada pola Casa de Rosalía e Xistral.

Este proxecto foi presentado este luns en Padrón no marco da programación do Día de Rosalía por parte do presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; o responsable da Fundación Xistral, Carlos Blanco; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Padrón, Anxo Arca; e os representantes da Asociación de Gaiteiros, Gustavo Couto e Olimpio Xiráldez

Os actos do día 23 comezarán en Padrón ás 10.00 horas coa lectura de poemas do alumnado do Instituto Camilo J. Cela e do Macías o Namorado diante da estatua de Rosalía.

En Santiago será ao mediodía o acto central, no Hostal dos Reis Católicos: unha lectura de poemas rosalianos e a actuación de Os Carapaus, a cantante Faia e alumnos da Escola de Música de Santiago.

Ao Caldo de Gloria xa se sumaron moitos colexios e locais hostaleiros de todo o país, e repartiranse máis de 60.000 manteis da iniciativa.Participarán os centros galegos de Donostia, Castelló, Burgos, Alicante e Valencia. Nesta sétima edición volverá despois da pandemia o Caldo de Gloria á Casa-Museo da man da coñecida parella gastronómico-cultural formada por Suso Coba, dono do restaurante Dezaseis de Santiago, e a cantora galega Uxía, que ofrecerán a súa versión do Caldo aos presentes (ás 19.00 horas), xunto co bolo do pote realizado por tres mulleres de Mazaricos (Esther, Angelita e Laura)

A continuación, no auditorio da Casa-Museo terá lugar o concerto da cantora Faia, membro de The Vacas.