Laxe recibe unha doazón de documentos históricos e fotos antigas

Foron legados pola familia de Lucía Martínez Pérez

Fotografía do altar da Virxe do Carme da igrexa de Laxe

Fotografía do altar da Virxe do Carme da igrexa de Laxe / Concello de Laxe

J. M. Ramos

O Concello de Laxe vén de recibir unha doazón de documentación histórica por parte da familia de Lucía Martínez Pérez, a cargo do seu fillo Joaquín Vidal Martínez, por desexo expreso de súa nai, que finou o pasado 2 de febreiro. Trátase de documentos, tarxetas postais e fotografías antigas que se atopaban na súa posesión, “que aportan un gran valor histórico, cultural e patrimonial para o municipio”, subliñan.

Ademais de distintas fotos antigas de diferentes localizacións, a achega contén dous documentos do ano 1854. Un deles é unha descrición dos servizos existentes do Partido Xudicial de Carballo de 1905, 1913 e 1925, e o outro é un escrito do alcalde de Camariñas ao seu homólogo de Laxe do ano 1852 no que se solicitaba localizar a unha muller que fuxira cun carabineiro desa localidade, abandonando ao marido e aos fillos, entre outra moita documentación interesante.

Con esta doazón, a familia da finada e doante quere “agradecer as mostras de dor dos veciños e das veciñas do concello”, deixándolle este agasallo para o seu recordo. Dende a administración local agardan que contribúa “a engrandecer o patrimonio histórico e cultural do municipio laxense”.