Cincuenta e oito personas maiores de cincuenta anos amplían a súa formación en Baio

Iniciaron este luns a sexta edición do programa de Democratización e Coñecemento da Universidade Sénior

Participan veciños e veciñas de sete concellos da Costa da Morte

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, na inauguración da sexta edición da Universidade Sénior

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, na inauguración da sexta edición da Universidade Sénior / C. Zas

J. M. Ramos

O centro sociocultural de Baio (Zas) acolleu este luns a xornada inaugural da sexta edición do Programa de Democratización do Coñecemento impulsado pola Universidade da Coruña, coa colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural e o Concello de Zas, e a financiación da Xunta. Neste novo curso participan 58 persoas maiores de cincuenta anos procedentes de sete concellos da Costa da Morte.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, foi o encargado de inaugurar esta nova edición e destacou que "fomos o primeiro concello da Costa da Morte e da provincia, despois de Ferrol, onde se experimentou esta fórmula, que é tan boa que xa a exportamos a Carballo". Cualificou a iniciativa como "un gran éxito, porque vemos que a xente repite, o cal quere dicir que están a gusto e que a Universidade acerta cos contidos, e iso é reconfortante".

O plan formativo está estruturado en tres módulos, con sesións teóricas e prácticas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña. Patrimonio e sociedade, ciencia e tecnoloxía, e saúde e benestar son os eixos temáticos deste ano.

As sesións informativas terán lugar, como en edicións anteriores, no centro sociocultural de Baio (Zas), dous días á semana ata o mes de abril. Na primeira, a profesora Elvira Santiago Gómez adentrou aos participantes no Imaxinario social da natureza e os seus desastres.

Pola súa banda, Elvira Lezcano González disertará sobre A moda a través da historia (o día 27) e o profesor Miguel Abelleira Doldán impartirá a sesión Zas: unha cidade e unha historia (o día 29). Xa en marzo, o día un, o profesor Miguel Abelleira Doldán guiará aos participantes nunha visita cultural á cidade da Coruña.

O módulo de ciencia comezará o 4 de marzo coa ponencia I+D e Innovación en Galicia, a cargo de Alfonso Bravo Juego, e continuará o día 5 da man da profesora Alsira Salgado Don coa sesión Situarse no mar: o ceo como guíaSalvador Naya Fernández falará de Ciencia con datos (o día 11) e o ciclo pecharase cunha saída de campo á Casa das Ciencias da Coruña o día 12 de marzo.

A área de saúde e benestar comezará o 18 de marzo co análise dos Factores de risco de demencia, a cargo do profesor José Luis Rodríguez-Villamil Fernández, e continuará o día 19 coa ponencia Que é o edadismo? Reflexionando para acadar unha sociedade inclusiva, a cargo da profesora Raquel Veiga Seijo.

Xa en abril, o día 1 a tamén profesora da UDC Rosa Meijide Faílde exporá a relación de Augas termais e saúde. A sexta edición do Programa de Democratización do Coñecemento clausurarase cunha saída ao Balneario de Carballo, que se fará en dúas quendas os días 2 e 3 de abril.