Remata Merca Delicadeza na vila de Lalín con catro novas e saborosas cartas artesás

Recibiron o distintivo de Artesanía Alimentaria Xeou! Helados, Mamá Teresa, Quintián e Traloagro

O foro estivo moi concorrido na fin de semana e ofreceu obradoiros, degustacións, sorteos e concertos

Un intre da clausura de Mercadelicadeza este domingo, o feiral celebrado en Lalín

Un intre da clausura de Mercadelicadeza este domingo, o feiral celebrado en Lalín / Xunta

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, da Consellería de Medio Rural, vén de pór en valor o selo de calidade diferenciada Artesanía Alimentaria na segunda edición de Merca Delicadeza en Lalín. Ese mercado, no que estiveron presentes unha trintena de operadores amparados baixo este distintivo, chegaba a súa fin este domingo pola tarde logo de celebrarse durante toda a fin de semana na praza da Igrexa da localidade pontevedresa.

Deste xeito, a cita, organizada en colaboración co Concello de Lalín, repetiu o éxito da súa primeira edición cunha ampla programación coa que se resalta o importante papel destes artesáns na produción alimentaria da terra dos mil ríos, favorecendo ao mesmo tempo á dinamización económica do sector a través de alimentos con selos de calidade diferenciada. O evento estivo dinamizado por diversas actividades para todos os públicos, con degustacións, catas e talleres levados a cabo por chefs e prescritores, acompañados polos propios produtores, pondo en valor elaboración con produtos de Artesanía Alimentaria. 

No seu último día de feira, Merca Delicadeza ofreceu tamén talleres para nenos ata a degustacións de produtos de calidade diferenciada, ademais de concertos, sorteos ou un obradoiro de Artesanía de Galicia (presente ao longo de todo o evento), centrado neste caso no gyotaku, unha técnica tradicional xaponesa de estampaxe artesá. 

De feito, nesta segunda edición catro novas empresas -Xeou! Helados (xeados), Mamá Teresa (repostería), Quintián (queixos) e Traloagro (elaboración de produtos cárnicos)- recibiron a súa carta artesá, incorporáronse ao listado de operadores que xa formaban parte do selo de Artesanía Alimentaria.