Abel Caballero será o pregoeiro da Pascua de Padrón

Oalcalde de Vigo dará o pistoletazo de saída aos festexos o sábado 30 // O Concello rende homenaxe este ano a Ramón Casasnovas, mestre local durante catro décadas, representado no cartel promocional // No eido musical destacan o concerto de Celtas Cortos e a ópera electrónica ‘Papagena’ // A feira cabalar será o 31 

Pola esquerda, Chus Santos, Alfonso Blanco e Anxo Arca, na presentación do programa da Pascua

Pola esquerda, Chus Santos, Alfonso Blanco e Anxo Arca, na presentación do programa da Pascua / Cedida

Suso Souto

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, presentou o programa das Festas da Pascua 2024, que se celebrarán do 23 de marzo ao 7 de abril e nas que o Concello lle renderá homenaxe a Ramón Casasnovas, mestre no municipio durante catro décadas e unha persoa que durante moitos anos se involucrou e colaborou activamente na organización destas festas.

Anxo Arca e a concelleira Chus Campos deron a coñecer unha programación diversa, para todos os públicos, libre de violencia e que aposta pola música galega.

“A contribución de Ramón Tomás Vázquez Casasnovas á vida de Padrón foi incalculable”, dixo Arca, lembrando que, como profesor durante máis de catro décadas e colaborador na organización das festas da Pascua, “Casasnovas deixou unha pegada indeleble. A súa xenerosidade, humildade e espírito altruísta foron e serán un exemplo a seguir”.

A figura de Casasnovas ten un papel predominante no cartel promocional da Pascua, deseñado polo artista local Alfonso Blanco. “Casasnovas foi profesor meu de Matemáticas, de Naturais e de Debuxo no colexio Rosalía de Castro. No cartel quixen facelo partícipe de toda a festa, e aparece como un transeúnte máis que visita o pobo, rodeado de personaxes que marcaron a miña infancia e a miña vida na Pascua”, dixo.

“Na ilustración tamén aparecen a xigante, que sempre levaba o meu amigo Tanis, falecido hai dous anos, e os cabaliños de Evilasio, de Michel, que nos deixou hai poucos días”, engade Alfonso Blanco.

A feira cabalar e a de maquinaria agrícola e industrial (31 de marzo) mantéñense como dous dos atractivos da Pascua de Padrón, que este ano conta cunha “programación diversa, con espectáculos para público de todas as idades, libre de violencia e na que apostamos pola música galega”, explicou a concelleira de Turismo e Festexos, Chus Campos, quen resaltou que nesta edición tamén mudan algúns dos escenarios das orquestras, “para achegar as festas a toda a veciñanza”.

Non faltarán as artes escénicas, coa ópera electrónica Papagena (martes 26), e os deportes. O Raid Cabalar do sábado 23 de marzo marca o inicio do programa este ano, que tamén inclúe os campionatos galegos de xadrez, os torneos de fútbol base e de tenis Concello de Padrón, o VI Torneo CD Sar Extramundi e a velada de boxeo, o venres 29. A carreira pedestre (sábado 30) e o torneo de chave completan a oferta deportiva.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pronunciará na Praza de Macías o pregón co que se iniciará o sábado 30 a semana grande da Pascua. Esta xornada rematará cos concertos da orquestra madrileña La Misión e da padronesa Unión y Fuerza. A actuación de Fillas de Cassandra será o prato forte do domingo 31, día no que tamén actuarán as orquestras Capitol e Miramar. O luns amenizarán as verbenas o Dúo Master, París de Noia e América, e o martes 2 será a quenda da orquestra Los Satélites.

A boa música volverá a fin de semana de Pascuilla, coas actuacións de Los Player’s e New York (venres 5) e os concertos de Celtas Cortos e a orquestra Olympus o sábado 6 (coa sesión de fogos artificiais a medianoite entre ambos os dous). As orquestras Atenas e Marbella pecharán as festas o domingo día 7. Os amantes da música disco poderán gozar coas sesións do DJ Espiño (30 de marzo, antes do pregón) e cos espectáculos dos picadiscos programados por Openair os días 5 e 6 de abril.

Como xa é tradicional, os grupos folclóricos teñen un papel importante da Pascua. Este ano actuarán San Pedro de Carcacía, Rosalía de Castro, A Foliada do Montiño, Arreixeira e O Pedrón, ao igual que os xigantes e cabezudos, a Banda Municipal de Música de Padrón e as de Santiago e Rianxo nos días da Pascua dedicados a Santiago e Rianxo. O Festival de Bandas Capital do Sar contará coa participación da banda local e coas de Touro e Caldas o día 7 de abril.