FESTAS

Os Irmandiños planean o Asalto ao Castelo de Vimianzo

Gastronomía, teatro, espectáculos e moita música serán os ingredientes principais

Manu Chao, en formato acústico, cabeza de cartel da viséximo sétima edición

Os días grandes serán o 5 e 6 de xullo na capital de Soneira

Autoridades, organizadores, hostaleiros e patrocinadores presentando o Asalto ao Castelo

Autoridades, organizadores, hostaleiros e patrocinadores presentando o Asalto ao Castelo / J. M.

J. M. Ramos

O Asalto ao Castelo de Vimianzo, Festa de Interese Turístico de Galicia, celebrará os días 5 e 6 de xullo a súa vixésimo sétima edición na que terán cabida gastronomía, teatro, espectáculos e moita música. Unha cita que foi presentada este xoves na fortaleza da capital de Soneira e que chega coa ilusión de sumar, por fin, ao seu historial de artistas ao internacional Manu Chao en formato acústico.

Mondra e Monolious DOP serán os encargados de asaltar o Castelo na primeira xornada, o venres 5 de xullo. Xa no día grande, o sábado, día 6, será a quenda de Manu Chao acústico, Boikot, Süne e Festicultores. Nesta mesma xornada collerá especial protagonismo, ademais, a praza do Concello, cunha sesión vermú especial na que actuarán Coídos (cos vimianceses Javi Sampedro e Suso de Quinito) e o histórico grupo A Quenlla, que conta cun álbum dedicado á guerra irmandiña. Xa pola tarde, no Des-concerto, subirán ao palco as Flow do Toxo.

Cartel promocional do Asalto ao Castelo 2024

Cartel promocional do Asalto ao Castelo 2024 / Cedida

Aínda que venres e sábado son os días principais, a programación esténdese semanas antes. Nunha colaboración especial co Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, a casa da cultura acollerá unha exposición sobre Arqueoloxía Dixital Galega e a posibilidade de probar videoxogos clásicos en galego mediante cita previa. Será dende o luns 17 dexuño até o día da festa, cando os videoxogos se levarán á praza do Concello.

Outra data previa fundamental é a Legua Irmandiña. A oitava edición terá un percorrido renovado, organizado pola AC Cherinkas, o clube Terra de Soneira e o Concello de Vimianzo. As inscricións están abertas e as bases poden consultarse en cronotec.es.

Pinchos irmandiños

E non se entende xa a previa do Asalto sen os Pinchos Irmandiños. Organizada polo sector hostaleiro vimiancés, esta ano fai 15 edicións dun certame singular no que non se atoparán petiscos con ingredientes posteriores ao descubrimento de América. Do 2 ao 6 de xullo, poderase facer a ruta dos 14 locais participantes que acolle mesmo a algúns de fóra da vila que se instalan na praza do Concello. O pincho irmandiño máis consumición (auga ou Estrella Galicia) custa 3,5 euros, sendo o prezo de 3 euros se se pide só. Quen complete a ruta enteira terá unha camiseta irmandiña de regalo, ademais de poder participar nun sorteo de produtos de Estrella Galicia.

Irmandiños preparándose para o Asalto ao Castelo de Vimianzo

Irmandiños preparándose para o Asalto ao Castelo de Vimianzo / Cedida

Para pequenas e grandes irmandiñas

Desde o Asaltiño, a gran revolución de nenas e nenos que invade Vimianzo na tarde do sábado, até unha semana enteira, haberá actividades pensadas para o público familiar. O Concello de Vimianzo prepara unha Semana Medieval de luns a venres, para a que se precisa inscrición previa, coa misión de achegar ás novas xeracións as revoltas irmandiñas e involucralos na propia festa.

O sábado 6 de xullo haberá obradoiros infantís, e unha intensa programación de mañá para todos os públicos con xogos de mesa de temática medieval, de xadrez e clash royale, con Incude da Universidade da Coruña; e demostracións de armas medievais, armadura e combate co Club Falcata Hema.

Irmandiños no Asalto ao Castelo de Vimianzo

Irmandiños no Asalto ao Castelo de Vimianzo / Cedida

Troula nas rúas: música e teatro

As rúas de Vimianzo non deixarán de vibrar co Asalto con música e espectáculos teatrais (Espazo artístico itinerante). Mención á parte merece o gamberro Des-enterro irmandiño, que culminará co Aquelarre de Ánimas de Palleiro para o Chamamento á Loita e a Foliada popular das meighas que terán lugar desde as últimas horas de sol.

Un venres centrado no castelo

Ademais da música da AC Trubisquiña pola rúa ambientando os Pinchos Irmandiños, a actividade centrarase o venres 5 de xullo a partir das 20.30 horas no castelo de Vimianzo, co Enlace Irmandiño. Este dará paso á Cea Medieval, para a que xa están esgotadas as entradas. En cambio, as portas abriranse a partir de medianoite para gozar dunha noite de concertos de entrada libre no castelo de Vimianzo, con Mondra e Monoulios DOP. Antes, animación con Tecla Negra, Cé Orquestra Pantasma e queimada con druída.

Representación teatral no Asalto ao Castelo de Vimianzo

Representación teatral no Asalto ao Castelo de Vimianzo / Cedida

O gran día

No día grande, do sábado 6 de xullo, ademais da Feira Artesanal, para a que aínda está aberta a inscrición, sucederanse actividades para todos os públicos. A acción pasa a ser frenética á tarde desde o Asaltiño; a Historia Dramatizada do Castelo; o desfile das Irmandades Parroquiais da Terra de Soneira e o pregón e izado da bandeira irmandiña. Nesta ocasión, sumaranse os irmáns do Festival Irmandiño de Moeche para esta honra na Praza do Concello.

Lilicleta, Mestura Fol, Medio Quinhón e Malandros Escola de Samba ofrecen o circuito musical, que soará ao mesmo tempo que Flow do Toxo na Praza do Concello ás 20.00 horas. Este fío musical imparable moverase cara ao campo da festa do Asalto, onde se producirá un dos momentos máis esperados, o concerto de Manu Chao acústico. Continúan as entradas á venda na web do Asalto, a un prezo máis reducido do que custará no propio día fisicamente. O concerto será a partir das 21.00 horas, aínda que se abrirán as portas antes.

O momento álxido da festa será o propio Asalto ao Castelo, cunha representación teatral na que o público se convirte en irmandiño e asiste ao terror dos poderosos, para despois vingarse dirixíndose á fortaleza con fachos, ariete, berros e batalla de auga. Unha peza teatral que, inspirada no espírito irmandiño, leva as revoltas aos tempos actuais.

Tomado o castelo, recollen o testemuño musical o grupo Boikot e o debut en Galicia de Süne, artista vasca ex-integrante de Huntza. A nota final pona Festicultores Troupe, deixando folgos para quen consiga erguerse o domingo e coñecer o castelo coas visitas guiadas e as teatralizadas dos Quinquilláns, e tomar o vermú de despedida con Medio Quinhón na Praza Castelao.

Desfile das Irmandades Parroquiais da Terra de Soneira por Vimianzo

Desfile das Irmandades Parroquiais da Terra de Soneira por Vimianzo / Cedida

Unha festa sen ánimo de lucro

As asociacións Cherinkas e Axvalso e o Concello de Vimianzo son as entidades organizadoras do evento, mais outras persoas e entidades da vila e comarca fan posible a celebración da festa, ademais do patrocinio principal da Deputación da Coruña e de Estrella Galicia. Todos os horarios e detalles poderanse coñecer na web asaltoaocastelo.gal.

O Asalto ao Castelo 2024 foi presentado nun acto no que estiveron presentes a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; as concelleiras Beatriz Pazos e Rosa Blanco; o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; o portavoz da organización do Asalto, Manuel Rial; Marta Miñones, da Asociación Axvalso e Maica Suena, de Cherinkas; Loreto Rodríguez, responsable de medios de Estrella Galicia e unha representación do sector hostaleiro.

A alcaldesa puxo sobre a mesa a necesidade de seguir traballando e loitando por un evento “que pasará ás vindeiras xeracións para manter vivo o lume irmandiño”, e agradeceu a implicación das organizacións colaboradoras. Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, salientou “a gran creatividade” e o mérito de manterse durante case tres décadas “dunha maneira vizosa” sendo un referente do xeodestino da Costa da Morte.

O portavoz da organización do Asalto, Manuel Rial, lembrou a todas as persoas que traballan durante moito tempo de xeito desinteresado, “nunha festa feita por e para a veciñanza”, conseguindo traer un cartel musical “á altura de grandes festivais” desde unha organización sen ánimo de lucro.

Marta Miñones, da Asociación Axvalso, destacou que “hai 24 anos soñaba con que Manu Chao estivera no Asalto, e na que é a 27ª edición podemos presumir de que o logramos” e animou “ás novas xeracións a empaparse da maxia do Asalto e participar nel”.

Pola súa parte, Ana Caamaño, en representación da hostalaría vimiancesa, puxo en valor “unha festa que é parte de nós” e animou á veciñanza “a probar os Pinchos Irmandiños ao longo dunha semana na que Vimianzo volve atrás no tempo”. E Loreto Rodríguez, responsable de medios de Estrella Galicia, enorgulleceuse de poder colaborar nunha festa “tan icónica” que afonda “nas nosas tradicións e nas nosas orixes”.