Lingua galega

O valor económico do galego: 1.440 millóns de euros e 27.702 postos de traballo

Un informe do CCG o cifra nun 2,5% do valor engadido bruto, menos que o éuscaro e o dobre que o valenciano nos seus territorios

Presentación do informe do Observatorio do Consello da Cultura Galega '0 valor económico do galego'

Presentación do informe do Observatorio do Consello da Cultura Galega '0 valor económico do galego' / E.P.

O impacto directo do idioma galego no conxunto da economía de Galicia é de 1.440 millóns de euros de valor engadido bruto VEP) e 27.702 postos de traballo, segundo recolle o informe elaborado polo Observatorio da Cultura Galega en colaboración co Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) con cifras do ano 2019 e presentado este venres no Consello da Cultura Galega.

Unha cuantificación en datos económicos á marxe do incalculable valor patrimonial da nosa lingua que os participantes no acto subliñaron, pero coa que se busca “facer por primeira vez co galego o que xa se fixo en numerosas ocasións co español”, explicou Rosario Álvarez.

Entre os datos máis significativos, cífrase nun 2,5 por cento do valor engadido bruto o que representan no conxunto da economía galega as actividades vinculadas á lingua galega, o que supón case o dobre que o valenciano na Comunidade Valenciana (1,3%) e inferior ao éuscaro no País Vasco (3,1% do VEP).

Analizado por sectores, o informe recolle catro grandes subsectores ou grupos de actividades, destacando o da educación, contabilizando desde a etapa da ensinanza obligatoria ata a universitaria, e que representa un 72,3% do valor engadido e un 68,2% do emprego xerado polo idioma galego. En total, a educación aporta algo máis de 1.041 millóns de euros e 18.879 empregos a tempo completo.

O cálculo neste caso fíxose en base a lingua empregada na docencia e que se situaría nunha media dun 45,9%, aínda que no ensino obrigatorio estaría nun 48,2%, 42% nas etapas postobligatorias, e baixando significativamente na universidade, onde oscilaría entre un 23 e un 13%, segundo a institución da que se trate.

O galego nas industrias culturais e nos medios

No apartado de industrias culturais e de medios de comunicación, no que se inclúe edición, impresión, libros, xornais, sector audiovisual e musical, comprende unha achega directa dun 20,5% do VEB, 295 millóns de euros e un 26,4% do emprego equivalente a tempo completo en actividades vinculadas á lingua galega, 7.300 empregos. 

Desde o Consello da Cultura destácase que a metade da actividade deste subsector é atribuible ao idioma galego,en concreto un 54,3% do total do VEB e un 47,9% do total de emprego de toda a industria da cultura e dos medios de comunicación, independentemente da lingua.

O ámbito relativo á promoción do idioma e da cultura das administracións públicas xera un 6,7% do valor engadido e un 4,9% do empergo atribuible ao galego,. En total, 95,7 millóns de euros e 1.382 empregos.

Actividades de promoción e escolas oficiais

A achega das actividades impulsadas polas administracións autonómica e local para promocionar a lingua cífrase en 7,1 millóns e case 103 empregos a tempo completo, mentres que as de promoción da cultura representan 88,5 millóns e 1.278 postos de traballo.

O sector das industrias da lingua, no que se inclúen tanto as escolas oficiais de idiomas como as academias, as actividades de tradución e interpretación ou as tecnoloxías da lingua contribúen nun 0,5% á economía galega, 7,5 millóns e 137 empregos. 

Os autores deste estudo, que se pode consultar ao completo na web do Consello da Cultura Galega, destacan o feito de que, á diferenza do que sucede co éuscaro e o valenciano, no caso do galego o tamaño do sector da cultura e dos medios de comunicación é maior, algo que entenden é consecuencia de que hai unha implantación moi relevante do galego nesta industria. 

Nas outras dúas comunidades con datos sobre o impacto do seu idioma na economía ten maior peso o ámbito da educación, segundo explicou o responsable do Observatorio da Cultura Galega, Hakam Casares, nunha rolda de prensa na que, ademais da presidenta do Consello da Cultura Galega, tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e os profesores da Universidade de Santiago e investigadores do Idega Diana Fernández e Melchor Fernández.