A Xunta recoñece a excelencia de 103 universitarios cos premios fin de carreira

Do total de premiados, o 61% do alumnado son mulleres e 45 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela

Cada un deles recibirá unha achega económica de 3.500€ e un diploma acreditativo desta distinción

Imaxe de arquivo da Xunta de Galicia de dous estudantes

Imaxe de arquivo da Xunta de Galicia de dous estudantes / Xunta de Galicia

Redacción

A Xunta de Galicia vén de recoñecer a excelencia académica de 103 universitarios cos premios fin de carreira. Así se recolle na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) para o alumnado do Sistema Universitario de Galicia que rematou os seus estudos no ano 2022.

Do total de premiados, o 61% do alumnado son mulleres e 45 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela (USC). A Universidade de Vigo, pola súa banda, é a segunda con máis presenza con 37 premios, mentres que 21 pertencen á Universidade da Coruña.

Medicina, a máis recoñecida

Os mellores expedientes distribúense entre 60 titulacións nos diferentes campus. Desta forma, por número de recoñecementos destacan a titulación en Medicina da USC, con catro persoas premiadas, e os graos en Administración e Dirección de Empresas, Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Enfermaría e de Educación Infantil, todas da Universidade de Vigo, con tres persoas premiadas cada unha.

A convocatoria deste ano conta cun incremento do 12% no orzamento por parte da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ata chegar aos 381.500€, o que permite premiar a unha vintena máis de estudantes que o pasado ano.

Cada un deles recibirá unha achega económica de 3.500€ e un diploma acreditativo desta distinción