{ AL SUR }

Sucedeu en Sanxenxo

Marcelino Agís Villaverde

Marcelino Agís Villaverde

ESTA TARDE inaugúranse as décimo cuartas Xornadas “Sanxenxo na Historia”, unha idea que botou andar hai 14 anos da man dunha sección do Foro Galicia Milenio que bautizamos como Seminario de Estudos Locais de Sanxenxo. O nome foi unha homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos, unha institución senlleira de Galicia que nacera no ano 1923 dedicada ao estudo da cultura galega e da que formaron parte nomes ilustres da Xeración Nós.

Dez anos despois do seu nacemento, o seminario converteuse nunha asociación cultural independente que proseguiu un traballo que tiña tres vertentes principais: investigar a cultura local; dála a coñecer a través de xornadas e conferencias; e, publicar os resultados deste traballo colectivo en libros para poñelo a disposición do público.

Colaboraron connosco desde o comezo profesores e investigadores das universidades galegas e de centros de investigación que cada ano, na última semana de agosto, achéganse a Sanxenxo para desvelar algún aspecto pouco coñecido do noso patrimonio cultural. O formato é sempre o mesmo: cada día, ás 8 da tarde, celebramos unha mesa redonda na que dúas persoas realizan as súa achegas e dialogan co público asistente.

Este ano presentaremos , ademais, o volume sétimo do libro Sanxenxo na Historia, dedicado á “Prehistoria, personaxes ilustres, roteiros e patrimonio”, obra que recolle as actas das xornadas celebradas nos anos 2021 e 2022, así como outras achegas e conferencias que ao longo destes dous anos naceron ao abeiro da actividade da asociación de estudos locais.

As xornadas clausúranse o día 30 de agosto coa entrega do XIV Premio Sanxenxo na Historia, que este ano correspondeulle ao Real Club Náutico de Sanxenxo, pola súa labor deportiva, social e cultural ao longo de 72 anos de historia. Unha institución acolledora que, alén dos éxitos no mundo da vela a nivel nacional e internacional, abriu as súas instalacións no Porto Deportivo de Sanxenxo a cantas iniciativas culturais, sociais ou benéficas chamaron ás súas portas.

Sanxenxo é algo máis que sol. Poden achegarse a comprobalo esta tarde no Pazo Municipal da Cultura Emilia Pardo Bazán.