Protagonista

A USC achégase aos 600 estudantes estranxeiros no actual curso académico

O récord de mobilidade nos últimos seis anos deuse no 17/18 con 976 alumnos foráneos // Filoloxía, Ciencias Económicas e Empresariais e Medicina, facultades con maior movemento

Estudantes da Universidade de Santiago no Campus Sur.  Antonio hernández

Estudantes da Universidade de Santiago no Campus Sur. Antonio hernández / lorena rey

Tras o frenazo forzado pola pandemia do coronavirus, a USC está recuperando unha das súas sinais de identidade: a internacionalización. No actual curso académico a institución compostelá ten un total de 570 estudantes estranxeiros, dos que 402 son mulleres e 168 homes. No curso anterior 21/22 eran 525 alumnos/as internacionais e nos dous cursos marcados pola covid, 288 (curso 19/20) e 308 (curso 20/21).

A USC achégase aos 600 estudantes estranxeiros no actual curso académico

Natalia Barra / lorena rey

Natalia Barra: “Santiago tiene una buena posición académica” 

Natalia Barra é unha moza chilena de 24 anos que decidiu facer un Erasmus este curso sendo a USC o seu destino. En concreto, chegou á capital en xaneiro para cursar o segundo cuatrimestre facendo materias de terceiro e cuarto curso de Psicoloxía. É a primeira vez que estuda fóra do seu país. “Elegí Santiago porque tiene una buena posición académica y eso suma a mi futuro profesional”, comenta a este medio. Ao que engadiu: “Aquí Psicología tiene un enfoque integral y hay el compromiso para dar con una sociedad mejor”.

Nestes meses percibiu que se trata dun sistema de avaliación completamente distinto ao da súa facultade, integrada na Universidad del Desarollo de Chile, na cidade de Concepción.

“Allá hay evaluaciones parciales cada mes y medio o dos meses, y en la Universidad de Santiago sólo hay dos finales. Por este motivo, asegura que se atopa con moita incerteza de cara aos exames. Tamén unha das cousas que máis lle chamou a atención é contar con unha facultade propia, xa que en Concepción están todos os estudos agrupados nun único edificio. “La arquitectura y equipamientos están muy bien”, engadiu.

A finais de xuño rematará a súa estadía na USC e finalizará o último ano en Chile, xa que alá a carreira dura cinco anos. “Nunca me arrepentiré de la decisión tomada. Santiago tiene un encanto especial, es una ciudad pequeña pero muy acogedera”, concluíu. 

No referente ao alumnado da USC que está fóra neste curso son 556 persoas. Os países de destino maioritarios son Italia, Polonia e Francia do Erasmus en Europa, segundo indican dende a institución académica.

A pesar do aumento paulatino de mocidade de múltiples países que deciden animarse a seguir os seus estudos fóra da capital galega, non se consegue chegar aos rexistros dos cursos 17/18, cando houbo 976 estudantes internacionais ou no seguinte ano académico, 967.

Sobre esta cuestión, a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, considera que tras esa paréntese obrigada da covid “parece que está habendo a nivel global un rexurdimento da mobilidade estudantil con incrementos moi destacados en todos os países do mundo”. Neste sentido, destaca que “hai informes da Unesco que din que a motivación e interese do estudantado por realizar os seus estudos fóra da súa universidade de orixe parece que son incluso máis fortes que antes da pandemia”. En calquera caso ve que se traballa na liña de conseguir retomar as cifras de anos anteriores.

A USC ten un perfil e vocación internacional. “A liña da internacionalización é unha das prioritarias incluidas na programación plurianual como eixo básico dunha universidade que ten ese perfil dende sempre e que quere manter e incrementar”, asegura.

En referencia á distinción por sexo, López Couso di que é unha tendencia que ven de anos anteriores. “O incremento da incorporación de mulleres á universidade en determinados países dos que recibimos estudantado é moi notable”, comenta.

Filoloxía, Ciencias Económicas e Empresariais e Medicina son as tres facultades que reciben máis alumnado internacional con 172 persoas, 71 e 64, respectivamente. “Son facultades que están sempre entre as que reciben e envían máis estudantes en programas de mobilidade”, indica. Sobre o caso de Filoloxía defíneo como “esperado, obvio e lóxico”, xa que no centro “ensínanse linguas, culturas, literaturas e é un nicho moi relevante para o alumnado internacional, especialmente para o que ven aquí para mellorar as súas capacidades lingüísticas en español ou galego, sen esquecer outras linguas como o alemán, o inglés ou ou o francés”.

López Couso quere chamar a atención sobre o feito de que todas as facultades acaban tendo unha importante demanda, dependendo tamén do tamaño do centro e títulos que se ofrecen. “Temos unha universidade de carácter global que toca moitas áreas de coñecemento e acabamos de ver que se mencionan a tres de áreas distintas. O atractivo da nosa universidade vese reflexado en ámbitos tan dispares como as Ciencias da Saúde ou Humanidades”, reflexa.

Sobre Medicina, con datos dos alumnos que fixeron as probas de acceso á universidade no ano 2020 desglosados polo Ministerio de Universidades, solo o 55 por cento dos que se matricularon na mesma fixeran en Galicia a selectividade o que reflexa a mobilidade entre comunidades. “Hai unha oferta limitada aínda que bastante numerosa, con 360 prazas, pero hai unha demanda moi forte a nivel estatal e hai moito movemento nas listas de agarda. É unha consecuencia lóxica do sistema de adscripción das solicitudes de incorporación aos estudos de Medicina a nivel estatal, non é exclusivo do sistema universitario galego”, detalla.

Por outra banda, os países maioritarios de procedencia por programas son o Erasmus + KA103 (Europa): Italia, Francia e Alemaña; o Erasmus + KA107 (Países extracomunitarios): Marrocos, Ucraína e Xordania; e o Convenio Bilateral (Países extracomunitarios): México, Chile e Colombia.

A vicerreitora de Internacionalización da USC apunta que a mobilidade é un dos puntos fundamentais desa vocación de internacionalización que ten a universidade, “pero non é o único”. A internacionalización tamén se consegue a través doutros medios como mediante consorcios internacionais, relacións internacionais mediante grupos de investigación ou coa tutela de estudantes de doutoramento entre a nosa universidade e unha estranxeira.

Neste punto destaca que a USC é dende principios de este mes unha das once institucións universitarias que integran a alianza EuniWell, a Universidade Europea par ao Benestar, que conta co apoio da Comisión Europea, e que vai impulsar e reforzar as cuestións de mobilidade estudantil xa que “vai haber fluxos de movemento estudantil dentro das propias universidades do consorcio”, o que irá en paralelo aos programas de mobilidade tradicionais como Erasmus, Sicue e Convenios Bilaterais.