Entrevista | Carlos Blanco Actor en Santiago o 1 de abril (’Somos Criminais 3’) e o 22 (’Tercer Cuerpo’)

“Estiven 14 meses cada luns no Modus Vivendi, o meu laboratorio”

Carlos Blanco, actor. / anxo rey

Carlos Blanco, actor. / anxo rey / XABIER SANMARTÍN

O actor Carlos Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1959) ten por diante dúas datas en Santiago, a dobre función do sábado 1 de abril (Auditorio de Galicia, 12 euros) con Somos Criminais 3 (SC3), show cómico con Xosé Touriñán que xa case ten dous sold outs en Compostela, e o 22 de abril con Tercer Cuerpo (Aud. Gal., 14 €), onde traballa con Natalia Verbeke, Carmen Ruiz, Nuria Herrero e Gerardo Otero.

O resto do mapa da viaxe teatral deste fan da música de Chico César, deixa claro o seu bo momento: mañá e o sábado na Coruña (Teatro Rosalía, con Tercer Cuerpo), o venres 17 e o sábado 18 en Vigo (Teatro A Fundación: Somos criminais 3), o venres 31 en Pontevedra (SC3) e o venres 21 de abril na súa Vilagarcía de Arousa (SC3).

Por diante, á parte de coidar a súa saúde ten un proxecto moi especial con latexo do seu mesmo sangue.

Agora mesmo está cun show teatral en solitario, entre outras obras, e nese traballo polos teatros... de que fala maiormente? É un xénero o dos monólogos que parece que bebe moito da biografía de cada quen, non sei no seu caso pero penso na obra Chungo, de Luis Zahera, por exemplo...

Vou cunha pantalla e traballo con imaxes. É un show moi coidado técnicamente, conto moitas cousas, desde unha viaxe coa Real Filharmonía de Galicia ata algún dos meus monólogos máis coñecidos. É moi variado e resulta, coido, moi entretido. A aportación das imaxes enriquece todo, sempre me gustou coidar a estética, a posta en escena. É algo que se descoida moitas veces no mundo dos monólogos e paréceme un erro grave. Non. Eu levo dous técnicos comigo e mudo cousas dunha función para outra. É un espectáculo vivo e moi visual.

O tipo de formato en solitario lembra o mundo dos contacontos de cando facían iso no pub Atlántico de Santiago, atopa conexión?

Si, claro que ten conexión. E algo moi semellante. Do Atlántico só teño bos recordos, de currar alí con Patricia Vázquez ou en solitario. Era tan divertido…. Despois, cando deixei Mareas Vivas (TVG: 1998 - 2002) estiven 14 meses currando todos os luns no Modus Vivendi e ese foi o meu laboratorio. Cada luns probaba algo diferente e tiña un público tan fiel que fixemos "pandi" e chegamos a facer excursións e todo. Foi xenial. Ter un laboratorio onde probar cousas, tentar crear algo novo cada luns, o público tan preto… Agora nos teatros e nos auditorios están mais lonxe e de aí que leve pantalla, antes podía mostrar unha revista, unha foto e podían vela. Agora tes 300 ou 500 persoas diante e xa non podes facer maxia de preto, é diferente…

Traballa tamén con Tercer Cuerpo, outro tipo de función... unha comedia que, segundo varias críticas, ten un chisco singular. En que sentido? Como entra nesa obra?

Tercer Cuerpo é unha comedia cun fondo... Fala da soidade, de como vivimos, do pouco que sabemos os uns dos outros… faino dun xeito moi divertido e a un ritmo vertixinoso pero fala diso. Eu chego aí por unha directora de casting, Rosa Estévez, que xa me chamara para O Lápis do Carpinteiro (2002) e algunha cousa máis. Foi un regalo e así llo dixen un día que nos atopamos en Madrid. Calquera actor quere traballar cun director tan prestixioso como é Claudio Tolcachir. É unha experiencia que levo no corazón, non pode ser máis amoroso e lévate da man a onde el quere. O meu personaxe chámase Héctor e está nas antípodas do que eu son. Un home que vive coa súa nai toda a vida, e eu perdina cando tiña 21 anos, por desgraza. Pero téñoa presente toda a función. Miña nai está comigo cada noite no escenario e é algo marabilloso poder homenaxeala nesta función.

Falemos agora de Somos Criminais3, con Xosé Touriñán. Unha dubida dese título á pate da broma de facer a 3 pola 2... Onde pensa que está chave do seu éxito para pasar de teatros ata grandes recintos?

Pois non o sei, a verdade. Se coñecésemos cal é a clave dos éxitos… Non sei, supoño que a química que temos Touri e eu. Complementámonos. Admirámonos. Xogamos xuntos e o público disfruta, ve a dous pallasos na súa salsa, pasándoo en grande. Porque iso é o que sucede. Que o pasamos en grande. E o público repite moitas veces porque sabe tamén que xogamos, que improvisamos dentro dun espectáculo moi complexo tecnicamente e milimetrado en moitas partes. O director, Tito Asorey, entende que ten que darnos liberdade para xogar pero en moitos momentos imos exactos, a pé de texto para que os técnicos non toleen. Supoño que aí está a clave, nesa mestura, doutro xeito como se explica que levemos xa máis de 100.000 espectadores entre os dous espectáculos e que se sigan enchendo os teatros…

En que outras aventuras está, sexa no cinema ou na televisión?

Pois xusto en febreiro propuxéronme cine e tele pero non hai nada pechado así que… mellor non contar nada. Teño teatro a partir de agosto e será a primeira vez que me dirixa o meu fillo Lois, así que… imaxine. E estou pendente dunha operación cirúrxica. Nada grave pero preciso ter ata tres semanas libres para facela e non é fácil atopalas. Veremos.

Qué lembra de Los reyes de la noche (Movistar Plus)? É Luis Aragonés o seu adestrador favorito ou... Arsenio Iglesias mellor? Dinme desde Madrid que a polémica da primeira tempada da serie non fixo nada doado a segunda... aínda que tivera boas críticas.

Los reyes de la noche foi unha estupenda comedia que fixemos para Movistar + con Javi Gutierrez e Miki Esparbé de protagonistas. A min déronme un bombón de papel, Bermúdez, o seleccionador nacional de fútbol. Eu achegueino a Luis Aragonés e non sei se acertei, probablemente son máis de Arsenio pero tal e como estaba escrito levoume a Luis. Mágoa que non houbese segunda parte da serie. Estaba escrita e todo preparado para facela pero misteriosamente todo se veu abaixo. Dá a impresión de que en España aínda hai xente con suficiente poder como para parar unha rodaxe, por incrible que pareza asi é…

Nalgunha enquisa sae como unha das persoas favoritas da xente en Galicia para tomar unhas cañas, e se Carlos Blanco ten que tomar unhas cervexas, que nomes di?

Pois non sei… dar nomes… encantaríame tomar unha birra con Meryl Streep, á que admiro tantísimo, pero vai ti saber se me decepcionaría en persoa… non creo.

Vai estar en Santiago o día 1 de abril e o 22, véspera do Día do Libro, algunha recomendación?

En canto a libros pois tampouco o teño fácil. Lin hai pouco o ultimo libro de Juan Tallón, Obra Maestra, e parecéume tan bo que o lin dúas veces seguidas. Nunca me pasara. Tamén acabo de ler Barroco un poemario precioso de Antía Otero. E estou agora lendo un libro precioso que me regalou a miña querida Mónica López mentres rodabamos Rapa en Ferrol. Díxome: "Vaiche encantar", e asi é. Trátase de Momentos estelares de la Humanidad de Stephan Zweig. Unha marabillla.