PRIMEIRO TRAMO

Comba Campoi e Miguel Penas, as grandes novidades na renovada candidatura de Compostela Aberta

Jorge Duarte e Branca Novoneyra, principais ausencias no primeiro tramo da lista liderada por María Rozas / “Somos un equipo con ideas claras de futuro para mellorar a vida da xente”, sinala a número 1 de CA

As 10 persoas que conforman o primeiro tramo da lista de Compostela Aberta, liderada por María Rozas

As 10 persoas que conforman o primeiro tramo da lista de Compostela Aberta, liderada por María Rozas / JACOBO TÁBOAS

“Este equipo é un fiel reflexo dunha CA plural, aberta, feminista, con experiencia de Goberno e con ideas claras de futuro para mellorar a vida da xente”. Así definiu María Rozas, candidata de Compostela Aberta á alcaldía, a lista coa que se presenta ás próximas eleccións municipais. Na relación dos dez primeiros postos, que conforman seis mulleres e catro homes, destacan as ausencias, por decisión propia, dos actuais concelleiros Jorge Duarte e Branca Novoneyra. Ademais, Xan Duro escala ata o segundo posto; Comba Campoi García, doutora en Ciencias da Comunicación, activista e profesora no ensino secundario na familia profesional de Servizos Socioculturais, parte no número 3 e Miguel Penas, actual coordinador do grupo municipal, sitúase no cuarto lugar da candidatura de CA. A continuación está Graciela Carro, unha autónoma que rexenta a súa propia axencia de seguros; no sexto posto figura o músico Javier García e no sétimo a profesora de Educación infantil Marisa Álvarez. Este primeiro tramo da lista complétano o educador social Jaime Belo, a avogada no ámbito da mobilidade Luisa Pasín e Marta Lois, voceira municipal ata o pasado mes de outubro, que cae o décimo posto para centrarse no novo proxecto político liderado por Yolanda Díaz, Sumar. Nunha lista moi renovada, nos postos denominados de saída so repite o actual edil Xan Duro.

“O primeiro tramo da nosa candidatura é a mostra do enorme capital humano que tén Compostela Aberta. É un orgullo encabezar unha lista que vai sobrada de enerxía, de ilusión, e de responsabilidade”, indicou Rozas durante a presentación. E engadiu: “É o froito do proceso de escoita e diálogo que iniciei tras a miña designación como candidata en outubro, tanto con xente activa en Compostela Aberta como con persoas máis alleas á nosa dinámica interna, ás que quero agradecerlles as súas achegas, as súas propostas e mesmo a súa dispoñibilidade para sumarse a esta candidatura”.

Así mesmo, Rozas incidiu na valía das persoas que a acompañan: “Unha vez máis queda demostrado que CA conta cun enorme capital humano, do que non poden presumir outras organizacións, e que nos permite presentar unha candidatura con caras novas, con persoas que chegan cargadas de forza e de propostas innovadoras e de futuro para Santiago”. Sinalou tamén que no primeiro tramo da lista “figuran persoas que son recoñecidas polo seu activismo máis alá do político, porque fixeron e fan parte do movemento sindical e feminista, ou do asociacionismo cultural, ecoloxista ou veciñal”. “É un especial orgullo –destacou– porque esta é unha lista feminista, non só porque este primeiro tramo estea constituído por máis mulleres que homes, senón porque todas e cada unha das dez persoas que o integran teñen o convencemento de que o futuro é feminista, como escoitabamos hai poucos días polas rúas de Compostela”.

Ademais, a candidata de CA á alcaldía puxo o acento en que a súa lista “está tamén moi ben representado o termo municipal de Santiago, con candidatos e candidatas dos barrios, do Ensanche, ou do rural...”. “Algo que tamén procuramos porque cremos que nada mellor que estar apegados ao territorio para diagnosticar problemas e procurar solucións”, engadiu.

Do mesmo xeito, explicou, “procurouse unha lista plural no que tén que ver cos perfís profesionais, mesmo coas idades dos e das candidatas, porque queremos unha lista diversa como diversa é Compostela”.

OS DEZ NOMES DA LISTA DE CA

1. María Rozas Pérez

2. Xan Duro Fernández

3. Comba Campoi García

4. Miguel Penas Rodríguez

5. Graciela Carro Asorey

6. Javier García Pérez

7. Marisa Álvarez Garea

8. Jaime Bello González

9. Luisa Pasín Mato

10. Marta Lois González

María Rozas rematou a súa intervención agradecendo a dispoñibilidade de todas as persoas que forman parte deste primeiro tramo da candidatura, e recoñecendo tamén o traballo feito desde o Concello polos concelleiros e concelleiras que formaron parte do grupo municipal de Compostela Aberta e que non repiten nos postos de saída. “Agora é preciso combinar experiencia e renovación para asegurar o futuro dunha organización, CA, que está plenamente consolidada en Santiago e que vai seguir sendo referente das políticas municipais verdadeiramente transformadoras”, sinalou.