CA aposta pola contratación de artistas locais para as festas da Ascensión e do Apóstolo

Imaxe dun ano pasado das Festas da Ascensión

Imaxe dun ano pasado das Festas da Ascensión / ECG

Redacción

Compostela Aberta volverá pedir no Pleno que o Goberno local elabore un plan para a contratación de artistas e empresas culturais locais para as festas da Ascensión e do Apóstolo, que teña unha dotación mínima de 250.000 euros. Ao respecto, a concelleira Branca Novoneyra insistiu a través dun comunicado de prensa en que “neste mandato houbo un enorme retroceso, que mesmo denunciou a propia Asociación de Músicos ao Vivo, e agardamos que o equipo de Bugallo se autoemende nesta última oportunidade que tén para programar as festas deste ano”.

Novoneyra lembrou que CA leva todo o mandato reclamando un maior compromiso do Goberno cos artistas locais, “e esta non é a primeira vez que solicitamos un plan de contratación para as festas, con esta mesma dotación orzamentaria”. Así, sinalou que o Pleno da Corporación aprobou no pasado mes de xuño unha proposición neste sentido, que facía referencia explícita ás Festas do Apóstolo dese ano, “e que o Goberno de Bugallo ignorou”. CA espera que se atendan ás demandas antes das eleccións de maio.