Entrevista | Xaquín Leiceaga Profesor titular de Economía Aplicada da USC

Leiceaga: “Temos que situar Santiago como unha referencia para os inversores”

“Verea non se fixa nos seus antecesores que buscaron gañar pola vía xudicial o que non foron capaces de gañar nas urnas”

Xaquín Fernández Leiceaga, onte, na sede de EL CORREO

Xaquín Fernández Leiceaga, onte, na sede de EL CORREO / Antonio Hernández

Senador, profesor titular de Economía Aplicada da USC, candidato á presidencia da Xunta en 2016 polo PSdeG e concelleiro de Facenda en Santiago de 2003 a 2005, Xaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) volve á política municipal como fichaxe estrela de Xosé Sánchez Bugallo para as eleccións do próximo 28 de maio. Concurre de número 3 na lista socialista e é o coordinador dun programa electoral que se centrará no fortalecemento do sector biotecnolóxico, pero sobre todo no impulso de medidas para mellorar a calidade de vida dos composteláns.

Colleulle por sorpresa cando lle chamou Xosé Sánchez Bugallo para concurrir con el na lista?

Si, colleume por sorpresa. O alcalde pediume que colaborase con el porque consideraba que eu podía aportar e que o proxecto precisaba un impulso adicional. A verdade é que a min neste momento vital me apetecía dicir que si. Xa coñezo a vida municipal, sei que é máis esixente que o que estaba a facer no Senado, pero ao mesmo tempo ten outras ventaxas, como estar sempre atendendo a problemas concretos que teñen persoas concretas coas que convives; e isto ten moito atractivo.

Leva desde xaneiro traballando no programa electoral do PSdeG para as municipais de maio, por onde vai ir encamiñada esa proposta?

Ten unha parte de continuidade, porque este foi un mandato que estivo moi condicionado pola pandemia e todo tivo un ritmo menor ao desexado. Pero tamén hai un elemento de modernidade. Temos que ser capaces de afrontar os retos que ten hoxe a nosa sociedade local, como o do emprego, sobre todo para os mozos, que nos preocupa moito. Cremos que o perfil de Santiago ten que xirar partindo de que é unha cidade universitaria, onde hai un nivel de investigación moi elevado, con fins moi marcados no ámbito da biotecnoloxía. Ten que haber unha aposta moi clara por desenvolver un proxecto biotecnolóxico que teña a súa sede aquí para captar empresas. E un segundo elemento é todo o que ten que ver coa mobilidade: Europa está embarcada nunha transición ecolóxica e enerxética que incorpora no ámbito local o mundo do transporte. O da mobilidade en Santiago ten que ser un proxecto innovador e complexo pero interesante.

Un dos problemas que xurdiron esta lexislatura foi o dos retrasos no pago a provedores, como experto en Facenda, como o resolverá?

Nesta lexislatura fíxose un esforzo moi grande en resolver os problemas derivados da pandemia e isto fixo que proxectos que están en marcha de maneira moi seria, como é toda a dixitalización da vida municipal non estén aínda completados. Efectivamente, eu vou intentar aportar o que poda na mellora do día a día dos cidadáns, e iso significa poñer en marcha o Concello. O obxectivo central ten que ser facilitarlle a vida aos cidadáns e a súa relación coa administración.

Santiago solicitou xa a implantación da taxa turística pero parece que é un asunto que queda pendente para o próximo mandato...

Os turistas xeran moita riqueza pero é certo que ao mesmo tempo xeran consumo de espazo, residuos de forma moi importante, unha demanda de Policía Local... Entón, a taxa turística ten que servir para aliviar esos sobrecustos. Para que? Fundamentalmente para que os cidadáns de Santiago paguen polos servizos que eles demandan e non que demandan outros. E eu penso que ese é o obxectivo central.

É partidario, entón...

A min me gustaría que isto se puidera poñer en marcha e que incluso tivera unha dimensión comarcal, porque hoxe hai que contemplar estos fenómenos con esa dimensión. Non se trata de expulsar a ninguén de outros concellos, senón de que todos colaboremos para que isto sexa máis equilibrado.

Santiago leva moito tempo tentando potenciar a industria para reducir a dependencia do turismo, que polítas cre que hai que implementar para acadar este obxectivo?

Un tema moi importante ten que ver coa conectividade de Santiago. En primeiro lugar, física. A chegada do AVE é unha gran oportunidade que hai que explotar. E hai que facer un esforzo para situar Santiago como unha referencia para os inversores españois e internacionais, para aqueles que queren emprender. Temos moitas ventaxas desde ese punto de vista, porque esta é unha cidade ben conectada, que ten unha poboación dun alto nivel formativo, cultural e destaca no plano da investigación; e tamén é unha cidade amable, agradable para vivir, onde a xente que ten fillos sabe que pode ter unha vida cómoda. Eu creo que hai que poñela no mapa.

E como se consegue isto?

Pois cunha campaña de imaxe e de presenza, de colaboración con entidades galegas e españolas que se dedican a isto. Temos que ser capaces de facilitarlle a vida ás empresas cando se instalen en Santiago. Iso significa, acompañalas no proceso e solventar os problemas. Hai que crear unha estrutura no ámbito municipal que teña como gran obxectivo resolver os problemas ás empresas que queiran instalarse aquí. E temos que aproveitar a gran capacidade que ten Compostela para xerar ideas e innovación; transformando estas ideas e innovación en empresas, é dicir, en emprego e en riqueza.

A oposición coincide en que Sánchez Bugallo está a facer moitas promesas na última etapa do mandato, como se van abordar todas estas iniciativas que se plantexan no caso de que se revalide a alcaldía?

O que me chama a atención é que critiquen que se fagan cousas.

Critica que se anuncien...

Pero eu penso que van un pouco máis alá dos anuncios, porque o anuncio do novo complexo deportivo de Santa Marta, por exemplo, inclúe tamén como se vai financiar. Non é un mero anuncio, senón un proxecto bastante consolidado. Temos que ter en conta que hai que facer un gran esforzo para aproveitar os fondos Next Generation que chegan ata o ano 2027. Logo, o propio Concello ten unha capacidade inversora que hai que usar; e, terceiro, están pendentes de resolver algúns concursos importantes, como o da auga ou o transporte, que son tamén unha oportunidade para impulsar proxectos de envergadura. E hai que destacar outras iniciativas que xa están en marcha, que teñen financiaciamento, como a nova EDAR. Por último, temos o Consorcio, que o hai que potenciar para sacar adiante actuacións no ámbito da cidade histórica e dos Camiños de Santiago. Todo isto dalle solidez a estas promesas.

En tónica electoral: o BNG está convencido de que é posible un sorpasso ao PSdeG nas próximas eleccións, como ve esa posibilidade?

A miña experiencia é que só hai un proxecto sólido para Compostela, que é o do Partido Socialista. Pense vostede que o PP tivo unha oportunidade nunha lexislatura de probar cales eran os seus proxectos, e pasaron tres alcaldes pero penso que moi poucas ideas. Demostraron que non teñen proxecto. En Compostela Aberta creo que sucede algo parecido: catro anos na Alcaldía e moi poucas iniciativas que eu considere que conseguiran chegar á cidadanía. Poderían ter ideas pero non sabían como materializalas.

E faino o PSdeG?

Eu creo que a gran ventaxa do PSdeG de Sánchez Bugallo é que ten ideas, proxectos, e sabe como materializalas. O BNG foi un complemento necesario para o proxecto socialista en varias etapas e eu espero que o siga sendo no futuro. Nese sentido, aspiro a que teñamos un resultado que nos permita seguir gobernando; e se é necesario contar co BNG non pasaría nada, porque xa o fixemos noutras ocasións e funcionou ben.

E se tivese que entrar na ecuación Compostela Aberta?

Espero que non suceda. Me parece que no mundo de CA e o BNG se está producindo un trasvase e penso que iso vai permitir que teñamos un goberno sólido, hexemonizado polo Partido Socialista. Creo que iso é o que os cidadáns nos piden.

Que lle parece o que está a pasar co Caso Pichel? Que factura lle pode pasar ao PSdeG?

En primeiro lugar, absoluto respecto pola acción da xustiza. Logo, creo que o goberno local tivo unha actuación impecable en canto foi consciente da situación. En terceiro lugar, a actuación da oposición, sobre todo do PP, é moi pouco presentable. Esperar varios meses antes de acudir á xustiza, facelo cando empeza o periodo electoral... Non ir á fiscalía, senon directamente ao xulgado. Eso indica o ánimo non só de utilizalo electoralmente senon a deblidade da súa posición. Neste sentido, é a tónica de sempre do PP. A actitude do seu candidato, Borja Verea, decepcioname un pouco. Porque eu vexo que non se fixa demasiado no que fixeron os seus antecesores no pasado, que tamén buscaron gañar pola vía xudicial o que non foron capaces de gañar nas urnas.

Vese como sucesor de Bugallo?

Creo que a Sánchez Bugallo o deron por acabado políticamente moitas veces e as persoas que o fixeron están fóra da política. Entón, penso que nestas cousas hai que ser prudentes. Bugallo presentase á alcaldía el é o que protagoniza esta campaña e o que está disposto a levar o timón municipal. E a partir de aí, xa veremos.