Entrevista | Mero Iglesias Escritor e ex integrante do grupo Fuxan os Ventos

“Fuxan os Ventos esqueceu devolverlle a identidade á cultura tradicional”

Mero Iglesias reitera a súa implicación en loitar pola lingua e cultura galega./ marcos míguez

Mero Iglesias reitera a súa implicación en loitar pola lingua e cultura galega./ marcos míguez / lorena rey

Mero Iglesias (Vilalba, 1951), un dos fundadores do grupo de folk galego Fuxan os Ventos, fai unha revisión persoal da traxectoria da banda no seu libro Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío, que será presentado hoxe ás 20.00 horas na libraría Pedreira de Santiago.

Mero deixou o grupo no ano 1983 por diferencias de criterio e a partir de aí xunto co seu compañeiro Xosé Luís Rivas Cruz (Mini), e outras persoas formou A Quenlla. Despois de deixar esta etapa atrás e levado polo sentimento de Xesús Mato, que foi o creador da canción de Fuxan os Ventos, decidiu escribir o libro de relato histórico Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío coincidindo na actualidade co 50 aniversario do grupo. “Mato foi quen me pediu que escribira este libro porque el comezaba a perder matices e puntualizacións de datas. Nun primeiro momento non me gustaba a idea pero tampouco quería que quedara o silencio como testigo. Hai cousas que non se contaron e que conviñan dar a coñecer”, conta o escritor en conversación con este medio.

Ata o momento escribira varios libros, a maioría de poesía, e ao respecto asegura que ningún lle costou tanto como este. “Tampouco ningún me fixo padecer de novo aquela rotura do grupo co compromiso social e de regreso ao rural, que eran os principios básicos”, manifesta.

A liña fundamental de Fuxan os Ventos era “devolverlle a dignidade á cultura tradicional por medio de música tradicional e seleccionar textos de autor que criticaran a realidade social de Galicia”, unha idea que para o escritor se foi perdendo no tempo. “Aquel grupo inicial do que me sinto tan orgulloso non se deitaría hoxe con institucións nin organismos oficiais. A cultura ten que estar por riba de todas as siglas e estar libre de ataduras”, reitera o autor.

Para a creación do libro Mero conta que só abriu tres das oito carpetas que ten adicadas a Fuxan os Ventos, ademais das sucesivas conversas con Mato. Para el foi volver a “remexer na ferida despois dunha rotura traumática”. Sin embargo, previo ao ano 1983, Mero asegura que son “todos recordos preciosos. Un acontecer de innovación, de renovación e de loita”. Ademais, pon enriba da mesa que dende que tomou a decidisión de abandonar o grupo houbo vinte anos de parón total da súa actividade. “Aquel Fuxan os Ventos ademais de non calar nada non se podería permitir o luxo de parar dúas décadas. Iso, nun grupo activo que se chame de intervención social non é posible”, detalla.

En conclusión, o que pretende coa publicación deste libro é “clarificar as cousas que non se dixeron”. Asegura que “se no seu momento se houbera falado e se dera noticia dos problemas existentes aceptaríao e non tería esa urxencia de dalo a coñecer, algo que tamén me imprimiu Xesús Mato e Mini”, asegura.

Na actualidade segue en activo co grupo A Quenlla a través de proxectos, concertos e actuacións. Na actualidade están gravando un novo disco, despois de que o anterior recibise un premio internacional tras musicar o primeiro trobador do que se ten noticia, douscentos anos antes do que está constatado nos libros, a finais do século XI. “É un libro e un disco con dez pezas de Martín de Padrozelos que foi editado e publicado durante a pandemia, ao que tampouco quixemos darlle moito bombo porque non é o noso obxectivo”, di.

Mero defínese fundamentalmente como poeta aínda que tamén escribe relato. “A poesía é un mundo especial de non deixarse caer na realidade agobiante. Hoxe vivimos asolagados por virtualidades que veñen sendo mentiras ou camiños paralelos a unha realidade que ten que ser moito máis bonita”, sostén.

En 2007 o vilalbés decidiu ceder todas as súas recompilación de campo –Cantos, recitados, lendas, contos, bailes, etc.–ao Museo do Pobo Galego para ser dixitalizadas e formar parte do Arquivo do Patrimonio Oral e Inmaterial de Galicia. “Trátase de preto de 16.000 entradas que decidín depositar para o estudo e reflexión que se poida facer a partir das mesmas con pareados, ditos, adiviñas, curacións, cantigos, romances de cego...”, detalla.

FICHA PERSONAL

Baldomero Francisco Iglesias Dobarrio, coñecido artisticamente como Mero, é un profesor, cantante e escritor galego. Na lonxitude do tempo (2005), Recendos de luz e de sombras (2006), No papel que mudo escoita(2011) e Doce ducias (2016)son as súas catro obras de poesía. A maiores, ten varias obras colectivas como Contos de vellos para nenos e Somos lenda viva, ambas con Mini e 150 Cantares para Rosalía de Castro, entre outras