O BNG organiza unha proxección do documental sobre o Alvia

Curva de Angrois onde se produciu o sinistro

Curva de Angrois onde se produciu o sinistro / ECG

ECG

O BNG convoca un acto aberto ao público para proxectar a película documental Frankenstein 04155 mañá mércores 12 de abril ás 19:30 no Museo das Peregrinacións, na praza de Praterías, coa participación da eurodeputada Ana Miranda e da portavoz municipal Goretti Sanmartín.

Neste ano 2023 conmemórase o décimo aniversario do accidente do Alvia que supuxo un dos episodios máis tráxicos da historia local e, ao tempo, coincide co desenvolvemento do xuízo en que se dirimen as responsabilidades deste suceso que deixou 81 persoas mortas e máis de 140 feridas.

“O BNG considera que é necesario facer xustiza cun accidente desta dimensión e quere pór o foco para que se identifiquen as responsabilidades políticas e se atendan as demandas das vítimas e das súas familias”, indica a formación nacionalista nun comunicado.

O documental Frankenstein 04155, dirixido por Aitor Rei, coa colaboración entre a produtora Boneca Lareta e a Plataforma de Vítimas do Alvia 04155, estreouse no ano 2015 e recibiu una mención especial na Semana Internacional de Cine de Valladolid (Seminci) e o Premio do Público en Cineuropa. A entrada ao acto é libre e gratuíta.