Tratan o potencial da hipertermia con nanopartículas magnéticas na loita contra o cancro

Especialistas abordan esa liña de investigación nun foro na USC que se estende ata mañá

La Física como disciplina científica

La Física como disciplina científica / USC

Redacción

Preto dun cento de especialistas abordan o potencial da hipertermia con nanopartículas magnéticas na loita contra o cancro. A hipertermia con nanopartículas magnéticas é un tratamento que toma como punto de partida o feito de que as células tumorais sexan máis sensibles aos incrementos de temperatura que as sas.

Dado que os imáns poden quentarse baixo a acción de campos magnéticos, esta técnica consiste en situar nanopartículas magnéticas (nanoimáns) no tumor, para activalos de xeito remoto e así crear un aumento local de temperatura, provocando directamente a apoptose celular (morte controlada), ou volvendo as células máis sensibles a outros tratamentos. Coa vontade de profundar nesta técnica, a Facultade de Física e o Instituto de Materiais da USC (iMATUS) organizan na Facultade de Óptica e Optometría o foro 3rd Workshop on Magnetic Nanoparticles and Hyperthermia, encontro que botou a andar onte e chega ata mañá coordinado polo investigador da (USC) David Serantes e por Roy Chantrell, profesor da University of York no Reino Unido, reúne 70 participantes procedentes dunha vintena de institucións internacionais e ata 13 do conxunto do Estado.

“Búscase debater con especialistas aspectos concretos que consideramos necesitan resolverse para permitir maiores avances”, explica Serantes. A xuntanza alberga fundamentalmente un enfoque de ciencia de materiais. “A vantaxe desta técnica é o feito de que o corpo humano é esencialmente insensible a campos magnéticos, e que hai nanoimáns moi biocompatibles, o que permitiría a súa aplicación médica”, engade.