A Xunta de Goberno aprobará este luns a licitación da reforma do Mercado de Abastos

O proxecto, que conta cun orzamento base de licitación de 518.710,53 euros, contempla actuar sobre as marquesiñas, os estores, as portas corredeiras, o cuarto de baño adaptado e a instalación eléctrica da torre central

Panorámica da praza de Abastos de Santiago

Panorámica da praza de Abastos de Santiago / Alberto Bandín

Redacción

A Xunta de Goberno Local ten previsto aprobar, este próximo luns, a licitación do "Proxecto básico e de execución da reforma da Praza de Abastos", que conta cun orzamento base de licitación de 518.710,53 euros. O proxecto contempla actuar sobre as marquesiñas, os estores, as portas corredeiras, o cuarto de baño adaptado e a instalación eléctrica da torre central.

O Mercado de Abastos localízase nun inmoble de titularidade municipal, sobre o que se realizaron obras de remodelación contratadas pola Administración xeral do Estado á empresa TRAGSA, e que se executaron en 2014. Desde que remataron as estas obras, o edificio ven arrastrando unha serie de deficiencias recollidas no "Informe sobre o estado da Praza de Abastos de Santiago de Compostela".

Este informe enumera as patoloxías que sofre na actualidade o inmoble, ademais de analizar as causas que as provocan e cal sería o protocolo a seguir para corrixilas. Todas as actuación recollidas no informe, consensuadas cos praceiros e a xerencia do Mercado de Abastos, teñen como obxectivo a posta en valor do edificio, incrementar a súa funcionalidade, e facelo máis cómodo e accesible, tanto para os praceiros como para os consumidores.

No proxecto que irá a Xunta de Goberno dáse solución a unha parte destas patoloxías. En canto ao resto, segundo Raxoi algunhas delas xa foron resoltas polo propio mantemento da Praza de Abastos, e outras, as consideradas máis urxentes, xa están atendidas. Agora, unha vez que se adxudique o contrato, procederase a intervir sobre os elementos pendentes.

O tempo estimado para a execución destes traballos, é de 26 semanas, en prexuízo, segundo consta no proxecto, "de posibles limitacións á dispoñibilidade física e/o temporal do ámbito de actuación que puidesen conlevar a necesidade de establecer fases de obra que supuxesen na práctica unha ampliación do prazo inicialmente estimado". Os traballos están programados en horario de tarde, para facilitar, na medida do posible, o correcto fundionamento da praza.