O PP promete estudar a creación dun aparcamento para a Praza de Abastos

Praza de Abastos en Santiago de Compostela.

Praza de Abastos en Santiago de Compostela. / ECG

ECG

O candidato popular á alcaldía de Santiago, Borja Verea, reafirmou onte que se os santiagueses lle dan a súa confianza o vindeiro domingo 28 de maio, comprométese a facer un estudo “serio e solvente” co fin de construír un aparcamento debaixo da Praza de Abastos, “algo que merece Santiago e que outras cidades xa desfrutan baixo os seus mercados, pero que aquí a pouca ambición de quen nos goberna nos quere facer ver como imposible”. Para Verea “a praza de Abastos non necesita parches, necesita grandes investimentos que lle faciliten as cousas aos praceiros, pero tamén a todo o comercio do Casco Histórico”. Neste momento, explica que“existen sesenta casillas baleiras que tiñan que estar cheas e xerando riqueza todos os días do ano, traballando a tope, o resto son debates de parche e de política menor, nós apostamos por unha praza de Abastos que volva a ser un auténtico referente para toda Compostela”.

O tamén deputado autonómico remarcou que “as políticas do goberno local están a destrozar a praza de Abastos e todas as casillas baleiras supoñen case dúas naves completas do mercado e que todos os praceiros coinciden en que a situación é insostible”. Di que todo isto é consecuencia “duns mandatos do partido socialista en Santiago, nos últimos 30 ou 40 anos, que apostaron por centros comerciais”. Como dato disto cita a Cancelas e Costa Vella, “que foron baleirando tanto o comercio do centro da cidade como da zona vella”.

Neste momento, na cidade, remarcou o candidato popular, “hai 6 millóns de euros gastados en cámaras e paneis que non sabemos para que serven ou en coches-robots que tampouco sabemos ben que é o que fan polo Casco Histórico”.

Verea apuntou que “poñen sobre a mesa outro Santiago, outra Compostela que recupere a vida nas rúas, que aposte polo comercio no centro, e a Praza de Abastos é fundamental. O resto son debates de parche ante unha evidencia, a falta de grandes investimentos para salvar a nosa praza”.