O Prima 23, a festa do comercio de Santiago, volve para animar as vendas

Concertos, danza, pasarrúas, obradoiros e actividades infantís acompañarán ao sector o vindeiro xoves, venres e sábado

Sánchez Bugallo e Lucía Castro na rolda de prensa de presentación do Prima 23, onte / cedida

Sánchez Bugallo e Lucía Castro na rolda de prensa de presentación do Prima 23, onte / cedida / l.rey

A festa de primavera do comercio, Prima 23, volve na súa cuarta edición para animar as vendas no sector na primeiro fin de semana de maio, tal e como se anunciara fai dúas semanas tras o encontro que o alcalde mantivo cos representantes do comercio en Raxoi.

Na presentación do evento, celebrada onte, Sánchez Bugallo animou ao sector comercial e ás asociacións a participar na cuarta edición de “Prima 23. A festa do comercio local” coa idea de “reforzar a aposta do Concello de Santiago polo comercio local e de proximidade”. Ademais do alcalde, na presentación estivo presente a técnica responsable da área de Comercio, Lucía Castro quen explicou que o obxectivo “é dinamizar o consumo á vez que se lle dá unha nota de cor e alegría á cidade, coas distintas actuacións e actividades programadas”.

Durante o transcurso de Prima 23, os comercios poderán presentar os seus produtos e servizos nas beirarrúas sen necesidade de solicitar un permiso específico, aínda que deberán permitir o acceso aos portais de vivendas e ao tránsito peonil, para o correcto desenvolvemento desta festa.

Un amplo programa de actividades desenvolveranse ao longo das tres xornadas nos barrios máis comerciais da cidade, cubrindo toda a Zona Vella, Ensanche, San Pedro, Concheiros, As Fontiñas e Conxo. Composteláns e visitantes poderán gozar dunha extensa oferta de concertos, danza, pasarrúas, unha foliada tradicional, un obradoiro de swing e unha gran festa infantil, como peche da festa o sábado 6 de maio. Ademais, ese día instalarase na praza Roxa a ruleta de agasallos ‘Eu Merco Aquí - Prima 23’ con 6.000 euros en agasallos directos, na que poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos que presenten un tícket de compra do comercio de Santiago de importe igual ou superior a 5 euros, realizada entre o 1 e o 6 de maio de 2023. Este ano, dentro da programación, inclúese, ademais, unha homenaxe a todos aqueles comercios da cidade que fixesen 50 anos. O programa completarase con obradoiros de artesanía de acibeche e ourivería, impartidos polos mestres artesáns Ourives de Compostela, Soledad Mato, Ricardo Rivas, Adonis Suárez e Manuel Tojo.

A maiores, no marco da festa Prima 23, o Concello distribuirá 30.000 bolsas coa imaxe da campaña #EuMercoAquí que se entregarán de balde ao comercio local a través das asociacións de comerciantes da cidade. Para contar con este agasallo, os establecementos interesados poden dirixirse a calquera delas: CCA Comercio Punto Compostela, CCA Santiago Centro, CCA Compostela Monumental, Asociación Em Rede, Ourives de Compostela, Asociación de Comerciantes de Área Central e Asociación de comerciantes do Barrio de San Pedro.

Partindo da idea de que é necesario un esforzo conxunto para que o comercio aflore, o Concello propón aos comerciantes que, con total liberdade creativa, adorne o seu negocio tanto no escaparate como na fachada.

Cortes de tráfico

Con motivo do desenvolvemento das actividades do Prima 23 na rúa, os vindeiros 4, 5 e 6 de maio produciranse restricións na circulación de vehículos nas seguintes vías: nas rúas Xeneral Pardiñas e Alfredo Brañas, xoves e o venres de 17:45 a 19:00, e na rúa Xeneral Pardiñas o sábado, 4 de maio, de 11:45 a 13:00.