A Feira da Primavera retorna ao barrio de San Pedro

Imaxe da última Feira da Primavera, en 2016 / FBSP

Imaxe da última Feira da Primavera, en 2016 / FBSP / ECG

ECG

Hoxe o barrio de San Pedro retoma a tradicional Festa da Primavera, “para celebrar a floración do barrio”, din nas súas redes sociais. A feira de artesanía, que este ano conta cun cento de postos, estará aberta dende as 12 da mañá até as 8 do serán, durante todo o decurso da festa, na que haberá música, pasarrúas, sesión vermú e mesmo a creación dunha escultura “sanpedresa” durante o evento, de @byluka_sculpture, peza que se rifará á volta do xantar. Un xantar para o que non haberá postos de comida coa meta de promover o consumo no barrio. No arrinque da celebración as rapazas de Habelas Hainas atraerán a xente de todo o barrio até o Cruceiro de San Pedro e entre as 14 e as 16 horas terá lugar a sesión vermú, que amenizarán as alumnas de Wax Cultura Dj. Logo de 7 anos volve esta popular festa a iniciativa de dúas exmembras da Comisión de Festas e tamén co gallo dos 20 anos das Festas de San Pedro (do 28 de xuño ao 2 de xullo) e para a que está en marcha unha iniciativa de mecenado a través do portal goteo.org.