A USC investiu máis de dous millóns en tres anos no campus de Santiago

A reparación de beirarrúas, asfaltados de zonas comúns e áreas axardinadas e a mellora de instalacións deportivas son as actuacións que implican unha maior partida // Dende a xerencia apostan pola colaboración co Concello

A USC investiu preto de dez mil euros no ano 2021 na sinalización da senda segura do campus de Santiago / usc

A USC investiu preto de dez mil euros no ano 2021 na sinalización da senda segura do campus de Santiago / usc / lorena rey

A Universidade de Santiago investiu algo máis de dous millóns cen mil euros nos últimos tres anos para a mellora do campus, sendo o 2021 cando se levou a cabo a actuación con maior presuposto. Esta foi a urbanización das rúas arredor da parcela do novo centro de Ciencias da Saúde para a cal se destinaron 525.478,67 euros. Ademais, entre as principais actuacións que se desenvolveron de xeito continuado destacan a reparación de beirarrúas , asfaltados de zonas comúns, zonas axardinadas e elementos patrimoniais, entre outros, cunha inversión que se achegou aos 400.000 euros entre 2021 e 2022 e que para este ano están previstos 150.000 euros, segundo datos aportados pola institución académica. Tamén ten vital importancia o diñeiro destinado este ano á mellora de instalacións deportivas con 120.000 euros para o arranxo das pistas de tenis, aos que se suman os 50.000 euros para o remate de acondicionamento das pistas de baloncesto e patinaxe e 300.000 € no campo de fútbol, de Atletismo e a piscina.

Sobre a reurbanización das rúas Jimena e Elisa Fernández de la Vega a raíz do desenvolvemento do proxecto Cidade da Saúde, o xerente da USC sinala en conversa con este medio que se beneficiaron de recursos dun Plan de infraestruturas extraordinario da Xunta. “Entendimos que onde mellor o podiamos investir era no traslado da Facultade de Farmacia a ese espazo”, asegura.

Javier Ferreira tamén destaca a reforma da praza do Seminario de Estudos Galegos que define como “un espazo moi de tránsito permanente do estudantado ao ter arredor facultades con moita xente como Farmacia, Dereito ou Relacións Laborais e tamén ao ser un espazo de lecer ao haber xente que vai dar un paseo e se queda alí”. Ante esta situación decidiron mellorar o firme.

Como terceira actuación pon en valor o proceso “pausado” de mellorar as beirarrúas tendo en consideración que “o estado que tiñan moitas delas era lamentable”. En definitiva, Ferreira considera que o Campus mellorou funcionalmente nestes últimos tres anos, “xa que entendemos que a infraestrutura do mesmo é vital para ter unha mellor consideración da Universidade e, por suposto, coa sociedade”.

As bicicletas eléctricas estarán en marcha este mes

Dende a Universidade de Santiago diseñouse un Plan Vida Activa co obxectivo de impulsar a mobilidade entre os campus e espazos docentes facilitando os desprazamentos activos (en bicicleta, camiñando, monopatín, patíns, patinete, etc...), conciliando esta mobilidade activa co desprazamento en vehículos a motor. A través desta iniciativa a institución académica vai adquirir cincuenta bicicletas eléctricas para poñer en marcha un servizo de préstamo entre usuarios universitarios, xunto con cinco estacións para as mesmas, tal e como xa anunciaba este medio no mes de xaneiro.

As previsións é que a instalación das estacións sexa neste mes de maio. Como novidade no tema, Ferreira destaca que a USC está negociando co Banco Santander un posible patrocinio para o financiamento dos vehículos. A maiores, aprecia que é importante a colaboración con Composcleta, encargado do asesoramento para garantir o seu uso. “Unha das maiores preocupacións que temos é que unha vez poñamos a funcionar as bicicletas haxa vandalismo e a xente teña un mal concepto”, di.

Sobre esta proposta, o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, detalla que nas dúas vindeiras semanas iranse instalando as estacións para ir probando o servizo de forma progresiva. “O que pretendemos é que o Campus sexa un espazo activo, que impregne vidas saudables”, manifesta. Por este motivo, impulsan os desprazamentos activos e a práctica físico-deportiva organizada e ao aire libre.

Rico aposta por buscar espazos para a comunidade universitaria e para toda a sociedade en xeral e “tanto desde a perspectiva do deporte máis competitivo, federado, como de uso libre para o conxunto da sociedade”. Como exemplo está o plan Corresponsables da USC, que dende o pasado mes de novembro e ata marzo deste ano conseguiu a participación dun total de 6.690 persoas, das que 376 eran pais/nais ou irmáns/irmás.

Colaboración USC-Concello

Javier Ferreira considera que a colaboración entre a Universidade e o Concello parte dunha premisa. “O campus é un espacio físico da cidade. Os viais e beirarrúas utilízaos a cidade e son do Concello, e polo tanto non hai máis que plantexar”, declara. Con todo destaca que a Universidade está aberta á colaboración. “Entendemos que o acceso á zona centro da cidade nova é o Campus, e na actualidade vese que é un espazo físico que se utiliza para aparcar”, di. Neste punto cree que non deben renunciar ás resolucións para aparcar, “pero temos que reducir sustancialmente o número de coches en superficie e para iso hai solucións”. Así cita o proxecto da Cidade da Saúde que contempla un parking soterrado para evitar esa incidencia de coches no campus.

O xerente da USC ten claro que seguirán investindo no Campus como “activo e escaparate da Universidade”. Ve que a “Universidade do futuro vive nun marco de competencia leal e productiva é queremos que veñan doutros territorios do Estado, estranxeiros e de Galicia. Cando un vén á USC faino porque é unha docencia de calidade, con boa actividade investigadora e porque hai uns espazos humanos interesantes”.