Tradición, música e ocio para todos os públicos na festa do Banquete de Conxo

O desfile ‘Alá van estudantes e artesáns’ partirá hoxe desde a praza do Toural para percorrer as distintas rúas de Compostela

A cidadanía tiña ganas de festa e participou activamente nas actividades lúdicas organizadas dentro da programación da cuarta edición da Festa do Banquete de Conxo, que incluía opcións para todos os públicos, e nas que se mesturaba a tradición coa música e o lecer.

Un ceramista afanándose no seu traballo cunha peza / jesús prieto

Un ceramista afanándose no seu traballo cunha peza / jesús prieto / k.m.

A xornada comezou coa segunda Andaina musical, organizada pola Escola Municipal de Música, na que os participantes percorreron unha ruta de 3,4 kilómetros, gozando de actuacións en medio da natureza e comprobando en primeira persoa o traballo dos integrantes da escola ao longo de todo este curso.

Baixo o lema "Baños do bosque", os interesados en coñecer máis en profundidade a contorna na que se desenvolveu o famoso banquete que se rememora nesta festa, poideron participar nesta actividade inmersiva, á que lle seguiu o roteiro Voces do bosque. Conducido por Quique Alvarellos, o escritor e editor foi explicando á veciñanza alí congregada a historia daqueles autores e autoras que escribiron sobre o Bosque de Conxo.

Percorrido guiado por Quique Alvarellos a través do bosque literario do Banquete de Conxo

Percorrido guiado por Quique Alvarellos a través do bosque literario do Banquete de Conxo / Jesús Prieto

O programa do sábado completouse cun Concerto da Coral do Psiquiátrico de Conxo xunto coa Coral Amigos do Castiñeiriño, o Coro de Santa Susana, o Coro de Habaneras Rocha Forte, o Coro Crecente de Voces Graves e o Orfeón Tradicional da Colexiata de Sar na Escalinata do Hospital Psiquiátrico de Conxo, así como a Festa da Poesía, conducida na praza de Aurelio Aguirre por Helena Salgueiro e que contou coa participación musical de Amorodo, O Rabelo e Paulinha e das poetas Belén Senín, Sara Vilar e Noelia Gómez.

Unha xornada festiva a deste sábado que contou con actividades para todos, e na que os veciños e paseantes polo barrio de Conxo puideron ademais observar de cerca algúns dos oficios tradicionais, coa exhibición en directo do traballo de artesáns expertos na forxa, a orfebrería, o coiro ou a cerámica e a cestería. Trátase dunha iniciativa impulsada polo Departamento de Comercio do Concello de Santiago, na que participan dezasete expositores dos sectores do libro e da artesanía, e na que poden verse mostras de xogos populares, presentacións de libros, recitais poéticos e actuacións musicais.

Mercado tradicional en Conxo. Sánchez Bugallo e Mercedes Rosón achéganse a un posto de forxa

Mercado tradicional en Conxo. Sánchez Bugallo e Mercedes Rosón achéganse a un posto de artesáns da forxa / Jesús Prieto

Ademais, e para todos aqueles que queiran facer unha inmersión profunda nas raíces desta festa, existe un posto de asesoramento e alugueiro de complementos propios da vestimenta acaída do século XIX para estudantes, artesáns, obreiros, fidalgos, protagonistas daquel capítulo da historia compostelá.

O desfile Alá van estudantes e artesáns iniciará a xornada central da festa, percorrendo desde a praza do Toural as rúas de Santiago, e ofrecendo en diferentes puntos do percorrido actuacións teatrais baixo a coordinación artística dos Quinquilláns.

Na praza de Conxo terá lugar a lectura do pregón, a cargo de Xosé Lois Mouriño Couto e Lucía Pérez Lemos, e a comitiva dirixirase á carballeira de Conxo para asistir a unha representación teatral do Banquete de Conxo e participará no tradicional xantar e romería popular.