A lingua centra as propostas de PPdeG, CA e BNG no Día das Letras

Sanmartín e Rozas propoñen a creación do Centro da Lingua Galega e o da Lusofonía e Verea apela á valentía de Del Riego para levar Santiago ao século XXI

Redacción

As tres candidaturas da oposición, Partido Popular (PPdeG), Compostela Aberta (CA) e Bloque Nacionalista Galego (BNG), aproveitaron a celebración do Día das Letras Galegas para reivindicala e achegarlle á cidadanía de Compostela as súas propostas a este respecto.

Borja Verea, do PPdeG, difundiu nas redes sociais un vídeo no que destacaba, “o galego é a nosa lingua propia, a riqueza de todos os galegos, e ademais Santiago ten algo diferente, somos a capital da lingua galega”. O candidato popular aproveitou para louvar a figura de Francisco Fernández del Riego, o homenaxado deste ano, explicando que alén de ter unha expriencia vital en Compostela “foi un home valente que tivo ideas arriscadas, como poñer en marcha o propio día de hoxe”. Nesta liña, Verea asegurou que a súa candidatura comparte esa ambición e afirmou que “é o que nos fai falta agora en Santiago, para iso traballamos, para conseguir ese último esforzo, esa gran maioría que leve Santiago ao século XXI, cun proxecto estrela como é o Paseo de Galicia”.

Un proxecto este último do que Borja Verea non perde ocasión de falar, xa que se trata “do seu proxecto estrela” e consiste en facer peonís arredor de 20.000 metros entre a Porta Faxeira e a Virxe da Cerca, que tamén afectarían a Senra e a Praza de Galicia e para o que será necesario soterrar o tráfico permitindo tan só a circulación do transporte público e escolar, vehículos de comerciantes e residentes e tamén aqueles que dan servizo na Praza de Abastos.

A candidata a alcaldía pola formación CA, María Rozas, explicou aos medios que “a nosa lingua é a nosa maior obra colectiva, e merece unha atención preferente, como a que Compostela Aberta lle deu cando tivo responsabilidades de goberno e como volverá facer no próximo mandato”. Rozas, ademais, comprometeuse a impulsar a creación dun Foro da Lingua “aberto a todas as entidades que queiran para influír positivamente na situación do galego en Santiago”. CA tamén impulsará, dixo Rozas, a redacción dun Plan Director da Lingua “que concrete unha nova estratexia a prol da lingua”.

A creación da Casa da Lusofonía foi outro dos temas tratados na xornada das Letras Galegas por María Rozas, que acudiu á Alameda para manifestarse en favor do galego e que aproveitou para explicar que “esta casa será un instrumento útil para vincular Galicia e España co mundo lusófono, aproveitando a ligazón lingüística a través do galego”.

CA, asegurou María Rozas, participará activamente na asociación de entidades locais pola lingua galega para partillar a experiencia de Santiago na promoción, coordinación, dinamización e impulso das accións que teñan como fin incrementar o uso do galego; e impulsará bolsas de investigación anuais para estudar a situación sociolingüística de Santiago, e coñecer mellor a realidade lingüística do noso municipio

Pola súa parte, a candidata do BNG á alcaldía, Goretti Sanmartín, e a portavoz nacional do partido, Ana Pontón, participaron na manifestación de ‘Queremos Galego’ para celebrar o Día das Letras Galegas e reivindicar medidas para a normalización da lingüística.

Unha das propostas que presentou Sanmartín é a da creación dun Centro da Lingua Galega, “concibido como un espazo cultural expositivo e dinámico que traslade, ás persoas veciñas e visitantes, a historia do nacemento, desenvolvemento, características, extensión e realidade do maior e máis importante elemento cultural que temos como pobo: a lingua galega”. “Neste sentido, faremos de Compostela a capital da lingua galega no mundo, cunha visión ampla que a conecte tamén coa dimensión internacional da lingua e especialmente coa lusofonía”, explicou a candidata. Será un espazo visitable, que traslade información de forma amena e permita vivir unha experiencia ao redor da lingua.

O Bloque, dixo Sanmartín, “comprométese tamén en Compostela a promover, en colaboración cos centros educativos, o ensino en galego, a lectura e creación literaria no noso idioma para contribuír á plena normalización da nosa lingua” e apoiará as iniciativas educativas públicas e comunitarias que teñan como obxectivo principal a normalización e garantir os dereitos lingüísticos das crianzas galego falantes e, en xeral, o uso do galego. Tamén estenderá o uso do galego ás empresas concesionarias que dependen do Concello. Así mesmo, engaden, desenvolverán campañas de normalización e programas de galeguización de actividades sociais e, en especial, para a sensibilización e uso do idioma no ámbito familiar, no deporte e no comercio, facendo da lingua galega un elemento transversal a toda a política municipal.

Outra das medidas é a encamiñada a fomentar programas e iniciativas educativas para que o alumnado coñeza, respecte e valore a importancia de todo o que nos identifica como pobo, así como o noso patrimonio material e inmaterial do que Santiago é un claro referente.