O 29 de maio ábrese o prazo para solicitar os permisos para as cacharelas de San Xoán

Nas que se celebran en espazos públicos terán prioridade as asociacións veciñais e culturais

Una pequeña saltando la cacharela con ayuda de un adulto en el barrio de San Pedro

Una pequeña saltando la cacharela con ayuda de un adulto en el barrio de San Pedro / Antonio Hernández

Redacción

O vindeiro luns, 29 de maio, ábrese o prazo para solicitar os permisos para a celebración das cacharelas e sardiñadas pola noite de San Xoán, tanto en terreos de propiedade privada como pública. Para as persoas, organizacións e comunidades que desexen realizar unha cacharela e/ou sardiñada nun espazo público da súa zona de residencia, o prazo remata o 20 de xuño. No caso dos particulares que vaian facer esa cacharela ou sardiñada nun terreo dunha propiedade privada, a solicitude poderá facerse ata o 21 de xuño.

As persoas, organizacións e comunidades que desexen realizar unha cacharela e/ou sardiñada nun espazo público da súa zona de residencia deberán presentar a solicitude correspondente (Modelo oficial 002), así como as declaracións responsables que correspondan debidamente asinadas, na sede electrónica do Concello de Santiago (sede.santiagodecompostela.gal) ou na rede SARA, dende o 29 de maio ata as 23:59 horas do 20 de xuño. A solicitude debe ir acompañada dun plano de situación do espazo público (no privado non se necesita plano) no que se vai situar a cacharela/sardiñada, así como da situación de todos os elementos presentes no espazo autorizado.

Nas cacharelas e sardiñadas que se celebran en espazos públicos, terán prioridade as asociacións veciñais e culturais.

Os particulares que desexen realizar unha cacharela e/ou sardiñada en terreos de propiedade privada deberán presentar a comunicación previa debidamente cuberta e asinada (Modelo oficial 008). As solicitudes poderanse presentar presencialmente no rexistro xeral ou en liña a través da sede electrónica do Concello (sede.santiagodecompostela.gal), da rede SARA ou do banner dispoñible na páxina web do Concello de Santiago dende o día 29 de maio ata as 23:59 horas do día 21 de xuño.

Os organizadores deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos Bombeiros (080) e o de Emerxencias (112). Se a propiedade está en zona urbana, o volume do combustible da cacharela non excederá os 2 metros de diámetro e 6 metros de perímetro, nin un metro de altura. No caso da zona rural, a cacharela non excedera os 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro, nin os 3 metros de altura.

A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano serán como mínimo de 12 metros, agás no casco urbano e porase atención en alonxar a fogueira de vivendas, vehículos, e instalacións e locais nos que se almacenen produtos inflamables ou baixo tendidos eléctricos ou telefónicos.