O Arquivo Histórico da USC almacena sete quilómetros de documentación de trece séculos

Tamén custodia o do Concello e Consorcio de Santiago e conserva un taller de restauración de escritos con persoal cualificado

Un traballador do Arquivo Histórico Universitario de Santiago en busca de documentación / santi alvite

Un traballador do Arquivo Histórico Universitario de Santiago en busca de documentación / santi alvite / lorena rey

O Arquivo Histórico Universitario de Santiago, ubicado na Casa Simeón da Rúa das Casas Reais, pon en valor a historia da institución académica. É un arquivo peculiar dentro dos arquivos universitarios españois xa que ademais de custodiar a documentación da Universidade, dende a súa fundación ata o día de hoxe, recolle catorce fondos documentais distintos, coleccións de mapas e planos e fotografías. A maiores, reúne o arquivo histórico do Concello de Santiago e o arquivo do Consorcio. “Temos un amplo espectro e distinta tipoloxía de documentos que van dende o século IX ata o século XX, polo que son trece séculos de custodia documental en sete quilómetros de documentación no edificio”, apunta en conversa con este medio a directora do Arquivo, Desirée Domínguez Pallas, licenciada en Historia da Arte e Mestrado en Xestión de Patrimonio Cultural. Dispoñen, tamén, dun taller de restauración de documentos con persoal cualificado e dotado das instalacións necesarias, “dos poucos de España e o segundo ou terceiro de Galicia”.

Conta coa dotación de medios que lles proporciona a Universidade e cos recursos que lles facilitan as citadas institucións ao ter a súa documentación custodiada por eles e ao estar “aportando instalacións, infraestrutura, seguridade e persoal técnico que traballa neses fondos”.

Teñen un total de cinco depósitos de documentación que na actualidade non son suficientes para o volumen de documentación que aínda queda nos centros, servizos e departamentos da Universidade. “Sería preciso unha ampliación de sede, pero dende o arquivo estamos facendo o traballo técnico para realizar estudos de valoración de documentación, a fin de que se poida eliminar, polo menos unha parte, conforme o procedemento legalmente establecido que pasa por que sexa aprobada a proposta de estudo polo Consello de Avaliación Documental de Galicia, o que non implica a súa desaparición”, especifica.

O Arquivo defínese como un servizo de apoio á investigación e á docencia “polo que se hai documentación que poida servir de axuda para traballos do profesorado e dos estudantes van a beneficiarse dela”. A maiores diso, o Arquivo Histórico fai outro labor como a de formación en arquivística e ofrece un número importante de prazas para que as prácticas externas poidan ser realizadas neste espazo.

Na actualidade hai un total de once persoas traballando no Arquivo. Son cinco arquiveiros, persoal facultativo e técnico, e despois contan con tres auxiliares de arquivos e museos, un persoal de administración e servizos, unha restauradora e unha conserxe.

Centenario do Seminario de Estudos Galegos

Con motivo do Día Internacional dos Arquivos que se conmemora este 9 de xuño, entre as 10.30 e as 13:30 horas celebrarase unha xornada que leva por título ‘Os arquivos do Seminario de Estudos Galegos: herdanza documental e memoria de Galicia’, que se suma aos actos organizados por distintas institucións culturais, en colaboración co Consello da Cultura Galega, para conmemorar o centenario da fundación do SEG. Así, a xornada contará coa participación das principais entidades e fundacións que custodian arquivos persoais de membros do SEG xunto ao que conformou o propio Seminario durante a súa prolífica actividade, como o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o Museo de Pontevedra, a Fundación Penzol, a Fundación Vicente Risco e a Fundación Otero Pedrayo.

Domínguez Pallas recorda que o Seminario naceu no seo da Universidade de Santiago, en 1923, por iniciativa de nove alumnos entre os que se atopaban Fermín Bouza Brei e Filgueira Valverde apoiados por un catedrático de Lingua e Literaturas Españolas, Armado Cotarelo Valledor. Os estatutos e a lectura do primeiro discurso de Cotarelo, como primeiro presidente do SEG, léronse en instalacións da USC, a sede física estivo no edificio de Fonseca e tras a disolución da institución cultural, a consecuencia da Guerra Civil, a súa libraría pasou a formar parte dos fondos da Universidade. Con todos estos feitos refléxase a vinculación estreita co Arquivo que tamén custodia documentación histórica sobre o Seminario. “Temos o legado de Paulino Pedret que foi membro do mesmo nunha época posterior e quixemos colaborar nos datos de conmemoración organizados polo Consello da Cultura Galega no seu centenario”, afirmou.

A directora do Arquivo manifestou que tiñan o interese de celebrar o Día Internacional dos Arquivos “porque este ano o Consello Internacional ten o lema de arquivos unidos e pretendemos con isto que se unan culturalmente todos os arquivos que tiveron relevancia para Galicia”.