Darío Villanueva pon en valor “a creación e difusión da cultura” da Universidade

O profesor recolleu onte a distinción que o Consello Social lle otorgou á súa traxectoria profesional

De esquerda a dereita, José Alberto Díez, Antonio López, Cecilia Sierra e o profesor emérito da USC, Darío Villanueva

De esquerda a dereita, José Alberto Díez, Antonio López, Cecilia Sierra e o profesor emérito da USC, Darío Villanueva / Santi alvite

Darío Villanueva recolleu onte o recoñecemento que o Consello Social outorga á traxectoria profesional pronunciando unhas palabras de gratitude: “Son unha persoa que lle debe todo á USC”. Villanueva, reitor da institución compostelá entre os anos 1994 e 2002, dixo sentirse “honrado” por ser este un galardón que “nace da Universidade”. Nun acto presidido polo reitor Antonio López, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o profesor emérito da USC recibiu a placa conmemorativa do galardón, de mans da presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra. Na sesión, tamén participou o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro.

O profesor Villanueva realizou un repaso por toda a súa traxectoria na institución universitaria e lembrou como, dende o ano 1972, data na que comezou a impartir clases na USC, tivo a oportunidade de desenvolver a súa actividade docente en tres facultades: Filoloxía, Xeografía e Historia e Ciencias da Comunicación. Villanueva quixo reflexionar sobre a función da Universidade e destacou como unha das súas funcións fundamentais “a creación e a difusión da cultura”. “A USC sempre foi produtora de cultura”, quixo lembrar o homenaxeado. A transición universitaria, o quinto centenario da institución ou a negociación do Plan Bolonia foron algúns dos capítulos nos que se detivo Villanueva.

Pola súa parte, o reitor da USC Antonio López destacou que distinguir a carreira do profesor Villanueva é recoñecer “a traxectoria de quen o deu todo dentro do eido universitario, tanto na investigación, como na docencia e na xestión”. De feito, confesou o reitor, foi Darío Villanueva o que “me meteu, en parte, o verme da xestión”, para despois manifestarlle o seu “aprecio e cariño persoal”.

Cecilia Sierra realizou un percorrido pola “frutífera carreira” do profesor Villanueva e lembrou como a distinción do Consello Social á traxectoria profesional constitúe “un recoñecemento a persoas que deixaron a súa pegada” tanto no contexto galego, como estatal e internacional. Nesta mesma liña o secretario xeral de Universidades salientou que este tipo de galardóns serven non só para distinguir traxectorias, senón tamén para “divulgar a Universidade entre a sociedade”.

O ditame do xurado polo que se outorga o recoñecemento a Darío Villanueva salienta “non só a súa importante traxectoria profesional no seo da nosa Universidade como profesor de recoñecido prestixio internacional e reitor entre os anos 1994 e 2002, senón tamén como director que foi e actual membro da Real Academia Española, doutor honoris causa por distintas universidades de todo o mundo e pola súa contribución á lingua e á literatura españolas”. A iniciativa de distinguir o profesor Villanueva partiu da Asociación de Antigos Alumnos e Alumnas, Amigos e Amigas da Universidade, Alumni USC.